Novos Cinemas 2019

"O cine galego actual vive un momento único; debemos valoralo como merece"

Alfonso Zarauza protagoniza o Festival de Pontevedra por partida triple: como produtor da película inaugural, como experto do 'Lab' e como director de 'Ons', o filme do que se proxectaron en exclusiva as primeiras imaxes
Alfonso Zarauza, este venres, no encontro que mantivo co público no festival pontevedrés. IVÁN IGLESIAS (NOVOS CINEMAS)
photo_camera Alfonso Zarauza, este venres, no encontro que mantivo co público no festival pontevedrés. IVÁN IGLESIAS (NOVOS CINEMAS)

Se hai un protagonista do Festival Internacional de Pontevedra Novos Cinemas deste ano, ese é Alfonso Zarauza. O director galego tivo unha presenza constante no evento ao longo de toda a semana. "É un momento único o que vivimos no cinema galego actual.Debemos ser moi conscientes diso, debemos estar moi orgullosos e debemos valoralo como merece".

Comentadas polo propio Zarauza, puideron verse este venres no festival, en exclusiva, as primeiras imaxes do seu último traballo, 'Ons'. "Proxectamos uns pequenos fragmentos, tres secuencias nada máis". Foi ante un espazo ateigado de xente na Casa das Campás. "Foi moi bonito ver que había tanta expectación". 'Ons', que está en fase de postproducción, é a nova película de Alfonso Zarauza ('Encallados', 'Os fenómenos'), un nome que aparece na programación do festival pontevedrés por partida triple. Por un lado, como produtor da película inaugural, 'Arima', de Jaione Camborda.

Por outro, como experto asesor do 'Lab'. E, finalmente, como protagonista dun encontro co público no que se puideron ver as imaxes de 'Ons'. "Estamos moi contentos por como está saínda todo con esta película", confesa. "Foi unha rodaxe moi dura e moi especial. Tivemos que facer fronte a cinco temporais seguidos. Estivemos totalmente expostos a unha climatoloxía desfavorable e iso fixo de todo isto unha aventura case épica. E, por outra banda, produciuse unha simbiose preciosa coa pouca xente que queda na illa despois do verán".

'ARIMA'

Zarauza gozou moito do encontro co público este venres e gozou tamén da proxección de "Arima" na xornada inaugural. "'Arima' é unha peli da que estou moi orgulloso. Porque custou moito levantala. Ten un perfil autoral moi interesante. É un tipo de cine que non sempre é sinxelo sacar adiante, pero que despois dá moitas alegrías". O filme de Camborda foi recoñecido tanto no Festival de Cine de Sevilla como no de Márgenes.

Á parte, Zarauza é, xunto con Pamela Biénzobas, Virginia García del Pino e Gemma Vidal, asesor do 'Lab' de Novos Cinemas, un laboratorio de desenvolvemento de novos proxectos que este ano traballa con catro filmes chegados de Galicia, doutros lugares de España e de Arxentina. "Do que se trata é de analizar eses proxectos e asesorar un pouco aos seus directores".

Este festival está medrando moitísimo e de xeito moi sólido. Se segue así, pode chegar a ser poderosísimo

Para Alfonso Zarauza, Novos Cinemas é un festival especial. "Vino nacer. Aquí estou dende a edición 0", explica. "É de verdade un festival que está medrando moitísimo e que se está a converter, de maneira moi intelixente, nun evento moi sólido e moi respectable a nivel internacional. E en poucos anos. Se segue medrando así, pode chegar a ser poderosísimo".

O realizador concorda co que se sinalou durante a inauguración de Novos Cinemas sobre o momento clave que está a vivir o cine galego. "O que non sei é se a xente é moi consciente do valor e da importancia do que está a conseguir o cine galego. Estamos falando de éxitos internacionais moi difíciles de conseguir".

Encontro de David Fidalgo con estudantes

Ademais da proxección pública das primeiras imaxes de ‘Ons’, a cuarta xornada de Novos Cinemas incluíu tamén un encontro de alumnado de ESO e Bacharelato co finalista dos Premios Goya David Fidalgo Omil. O realizador lucense, que se formou na facultade de Belas Artes de Pontevedra, pode gañar o galardón á mellor curtametraxe de animación por ‘Homomaquia’. Onte, no Museo de Pontevedra, proxectáronse tres traballos seus anteriores: ‘Cartas a Superman’, ‘Siglo XXI’ e ‘¡Les necesitamos!’.

Asemade, continuaron as proxeccións das dúas seccións de Novos Cinemas: a oficial e Latexos. Onte tamén se puido ver outra película do director homenaxeado este ano, o belga Bas Devos. Foi ‘Hellhole’, que se estreaba desta maneira en Galicia.

Comentarios