Cita con ata 8.000 vinilos para os nostálxicos do tocadiscos

O hotel Rías Bajas acolle por décimo ano consecutivo unha nova feira para amantes da música en formato físico e analóxico
Manuel Otero, nunha edición anterior da feira. L.G.
photo_camera Manuel Otero, nunha edición anterior da feira.

PONTEVEDRA. Se a Manuel Otero lle preguntan polo seu disco favorito dos máis de 2.000 que ten na súa colección, non se decide. "Non sabería facer unha lista cos que máis me gustan, podo pensar nos que máis me apetece escoitar esta semana", conta o sanxenxino que se adica á compravenda de vinilos. El é o organizador da Feira de Discos que o vindeiro domingo se celebra no hotel Rías Bajas, como vén sendo habitual nos últimos dez anos, e na que se darán cita os amantes do tocadiscos para escoller entre unha variedade duns 8.000 álbums. A cita será entre as 11 e as 14.30 horas, pola mañá, e de 16 a 20 horas, pola tarde.

"Levamos dez anos no hotel Rías Bajas, pero a feira ten xa uns 20 anos, primeiro fixémola no Camagüey, na rúa Cruz Vermella, logo pasamos por outros locais ata que dende hai uns dez anos alugo sempre un salón no Rías Bajas", conta o impulsor da iniciativa. Aínda que a data habitual para a celebración sexa o primeiro domingo de febreiro, nesta ocasión retrasou a celebración do evento ata o mes de abril a fin de evitar os peches perimetrais que estiveron vixentes nos últimos meses. "Temos clientela de zonas do Morrazo, de Vigo, de Lalín... entón non compensa facer a feira se non hai mobilidade xeográfica", explica.

Na feira participan el mesmo, que porá á venda unha variedade de 2.000 títulos aproximadamente, e outros tres expositores chegados de Asturias. "Somos xente profesional que nos dedicamos a isto e imos viaxando por España para participar en citas deste tipo", conta Otero.

En Pontevedra, a feira sempre tivo o suficiente éxito para mantela. "O ano pasado saíunos óptima, os vendedores quedaron moi contentos", recorda Otero. O público que adoita acudir ten máis de 40 anos. "Hai tamén xente de 60 que sempre escoitou música en disco e non se acostuma a outra cousa e moi pouca xente nova", explica. Neste sentido, Otero aclara que el mesmo non detecta unha "guerra" entre os partidarios da música en CD e os do vinilo. "É diferente, eu escoito en vinilo pero gústame saber de todo, non rexeito a tecnoloxía nin a ignoro, pero prefiro posuír fisicamente a música", explica. Ademais, asegura que "a quen lle gusta a música de verdade coida moito o equipo para escoitala, se tes paixón, gastas cartos nun equipo, o outro é ter música de fondo, como cando pos a radio no coche".

Pero, aínda que se dedica a comprar e vender discos, Manuel Otero non se considera un coleccionista. "Eu compro a música que me gusta, non vou facerme con toda a discografía dun artista como un fan", conta. Por iso cre que a súa discoteca, que abarca máis de 2.000 títulos non é demasiado grande. "Ten en conta que eu teño 56 anos e levo comprando discos dende os 15, os coleccionistas da miña idade poden ter unha variedade de 35.000 discos, e teño amigos con coleccións dese tamaño", explica.

Pero, ¿que música escoita un experto en vinilos? "Poderá parecer moi ecléctico, pero hai tres estilos que me gustan por igual: a rumba española, o punk e o jazz", conta Otero, que sinala que todos eles se caracterizan por ser músicas moi viscerais e paixonais. "Un dos meus artistas favoritos é Peret e iso non quere dicir que tamén me encante o punk de Ramones e non lle fago ascos a un bo disco de hard rock ou ao acid folk dos 60", conta.

Ademais, di que cando un disco lle gusta se esforza por atopar a primeira edición e non lle importa pagar ata 300 euros por el. "Na música o valor dos discos non está regulado como pode ser no caso do ouro, non sei agora mesmo cal será o máis valioso dos que teño, pero podo ter música que me encanta e que me custou un euro e outra que tamén me gusta moito e pola que puiden chegar a pagar ata 300", explica. "Eu quérolles a todos", aclara.

Comentarios