O Club Naval, atado de pés e mans tras o parón do dragado do Lérez

Carlos Paz, presidente da entidade, esperábase este paso atrás e como solución ofrece un espazo nas súas instalacións para depositar os residuos e poder funcionar con normalidade canto antes
undefined
photo_camera O pantalán do Club Naval de Pontevedra e os lodos, este mércores, durante a baixamar. DAVID FREIRE

A prohibición de depositar lodos en Sálvora paraliza o dragado do Lérez e o Club Naval de Pontevedra será o principal prexudicado por esta decisión ao ver a súa actividade reducida á metade pola falta de calado.

A decisión do Goberno central que foi comunicada a Portos de Galicia caeu como un xerro de auga fría en Pontevedra porque agora haberá que iniciar un novo expediente, un novo proxecto e buscar un novo lugar para verter os lodos.

O Club Naval de Pontevedra leva tempo vendo como as súas instalacións non cumpren co cento por cento do rendemento que poderían ter, debido a que a maior parte dos pantaláns están inhabilitados pola presenza destes lodos, o que fai reducir considerablemente os ingresos da entidade.

O presidente do Club Naval, Carlos Paz, esperábase este paso atrás e asegura que están "atados de pés e mans" sen poder mover ficha ata que se atope unha solución. "A nós prexudícanos, pero non só a nós. É unha mala noticia para o club e para a cidade de Pontevedra", sentenza.

Os lodos nas augas do Lérez foron sempre o cabalo de batalla dun club que posúe tres pantaláns con capacidade para 120 barcos. Actualmente ten inutilizado o primeiro deles polas malas augas e o segundo cunha actividade reducida ao 50% en horas de baixamar, o que deixa espazo para unicamente un ao completo para situar os seus barcos, o que deixa ao Club Naval de Pontevedra "tocado", tal e como apunta o presidente.

O proxecto da cafetería continúa pausado debido aos escasos recursos económicos do club para facer fronte á obra

Sobre a mesa faltan solucións alternativas inminentes que rebaixen a fenda que causa o cesamento do dragado do río da Boa Vila, para o que o propio Carlos Paz respondeu con propostas factibles ás que falta dar o visto e prace. "A solución que expoñemos era na esquina do aquí do club onde esta o cuartel da Garda Civil, sacar os lodos a terra, deixalos aí a repousar uns días e despois levalos a unha planta de tratamento de residuos" poñendo desta forma un espazo do club a disposición das empresas encargadas e facilitar así o traballo. Unha solución que, iso si, encarece o proceso polo uso de maquinaria pesada para o traslado dos lodos ata o destino final.

DEMASIADOS AFECTADOS. O río Lérez é unha das zonas máis demandadas polos veciños de Pontevedra, ben sexa para actividades deportivas ou polo mero feito de ser un atractivo para turistas e residentes. A confraría de mariscadores de Campelo especialmente está a ver limitada a súa actividade en diversas zonas, o que provoca un descenso da súa actividade e xa que logo nos seus ingresos.

"Tamén prexudica o sector marisqueiro, que está desenando que o draguen dunha"vez , recalca Carlos Paz, engadindo que a vila de Pontevedra precisa a oportunidade de lucir un río limpo e saudable. "Afecta tamén á cidade como tal, porque é unha vergoña que unha cidade que teña un río tan espectacular como o que temos no centro da cidade estea así. Todas as grandes cidades europeas presumen dos seus ríos, e aquí témolo feito unha porcallada".

CAFETERÍA. Outro dos proxectos que o Club Naval de Pontevedra ten en pausa é o da cafetería, un espazo actualmente habilitado par os máis pequenos do club, aproveitando a situación de pandemia que impide un aforamento total nos vestiarios.

Carlos ve imposible o xeito de dar un paso á fronte, e a pesar de tratar de darlle saída desde a propiedade do club, finalmente os medios económicos frearon en seco as intencións. "Se tivésemos os pantaláns co total dos barcos, daría un respiro económico para facer algo sen ter que depender de alguén, fariamos nós a obra, pero estamos atados".

Comentarios