"Hai cuestións que non son competencias municipais"

Coello insta as familias a combater a práctica do botellón entre menores

O subdelegado do Goberno comparte a postura da Valedora do Pobo, que pide máis implicación aos concellos para evitar o consumo de alcol en mozos ►Lores reivindica o traballo do Concello neste ámbito e di que a solución non é pór multas
Antonio Coello, que se jubilará el próximo día 26, se despidió de Fernández Lores
photo_camera Antonio Coello, que se jubilará el próximo día 26, se despidió de Fernández Lores

O posicionamento que a Valedora do Pobo, Milagres Otero, realizou este fin de semana en Radio Galega, onde solicitou máis implicación dos concellos en contra do botellón e suxeriu a posibilidade de multar aos menores -e por alcance, ás súas familias- que participen nestas reunións para consumir alcol, provocou este luns a reacción do subdelegado do Goberno en Pontevedra. "O botellón é un problema que afecta á nosa mocidade e a toda a sociedade", advertiu Antonio Coello, durante unha visita ao Concello de Pontevedra.

O portavoz estatal afirmou que a loita contra o consumo de alcol entre os mozos é unha tarefa na que deben implicarse, ademais das institucións, as familias. "Eu teño tres fillas, xa maiores, e preocupeime por elas canto tiñan idades curtas. Tiña que formalas para o día de mañá ter persoas que poidan servir á sociedade. Agora teño netos e a alerta está aí", comentou.

Coello asumiu a chamada de atención da Valedora do Pobo, do mesmo xeito que fixo -aínda que con matices- o alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores reivindicou o traballo que realizan os distintos departamentos do Concello (Benestar Social ou Xuventude) para tratar de erradicar un costume "negativo para os menores".

EDUCACIÓN. O rexedor do BNG comparte co subdelegado e Milagres Otero que a solución a este problema é conxunta, recordando especialmente o papel fundamental da familia. "Os pais deben saber dos hábitos de consumo dos seus fillos. Hai cuestións que non son competencias municipais", dixo.

Lores recordou tamén que o Concello ten en marcha plans de lecer alternativo como Noites Abertas. O programa recibiu 178 propostas de diversa temática para a súa décimo oitava edición, que está a piques de empezar.

No que non coincide o alcalde da capital coa Valedora do Pobo é na posibilidade de pór multas aos menores que participen nos botellóns. "Eu non entendo as medidas coercitivas nin as multas. É mellor arranxar o problema apostando por máis educación", destacou.

O Goberno local afirmou, por outra banda, que en Pontevedra se reduciu de forma importante o consumo de alcol na rúa. "É obvio que os botellóns clásicos están agora reducidos", concluíu.

Comentarios