O colexio Froebel solicita a devolución da sede do Arquivo Municipal

As novas directrices sanitarias e a falta de espazo no CEIP, motivos da solicitude
Dependencias municipais correspondentes ao Arquivo do Concello. DAVID FREIRE
photo_camera Dependencias municipais correspondentes ao Arquivo do Concello. DAVID FREIRE

O Consello escolar do CEIP Plurilingüe Froebel, tras unha reunión  celebrada o pasado xoves 28 de maio acordou por unanimidade solicitar a devolución das dependencias municipais correspondentes ao Arquivo do Concello, situadas nos baixos do edificio escolar.

Dado o contexto da actual alerta sanitaria e dos novos protocolos sanitarios, o centro sinala a súa "necesidade de incrementar a superficie dispoñible debido á obriga de respectar unha distancia de seguridade" e entenden que "esta solicitude cobra unha importancia fundamental cara ao vindeiro curso escolar".

"A nosa intención é desocupar espazos do centro susceptibles de ser empregados como aulas para un número de alumnos menor do habitual e para iso necesitamos espazos onde trasladar material e tamén onde habilitar titorías, despachos pequenos, etc.", sinalan desde o CEIP, que lembran que esta é unha petición que xa viñan realizando "ano tras ano" dada a carencia de espazo que teñen no centro.

Ademais, desde Froebel solicitaron outros espazos próximos ao centro que pertenzan ao Concello e que poidan ser cedidos para o uso do mesmo. No seu escrito salientan a necesidade de poder ter os novos espazos á disposición do centro na maior brevidade posible para "planificar de forma axeitada o comezo do curso 2020-21".


 

Comentarios