Tres colexios de Vigo, Bueu e Sanxenxo, os mellores para impulsar xoguetes igualitarios

A alumna gañadora, Iria Portabales, protagonizará un conto escrito por Ledicia Costas ►Mateo Maqueira e Goro Couso completan o podio
Foto de familia dos gañadores con Silva e docentes implicados no proxectos no acto deste mércores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Foto de familia dos gañadores con Silva e docentes implicados no proxectos no acto deste mércores. GONZALO GARCÍA

Iria Portabales será a protagonista dun conto escrito por Ledicia Costas, segundo llo confirmou a propia autora, que a quere coñecer canto antes "para ver que é o que pasou pola túa cabeza para deseñar este personaxe tan interesante e poñernos axiña a traballar". Así llo dixo este mércores, a través dun vídeo, no acto celebrado na Deputación no que esta alumna de nove anos do CEIP Virxe do Rocío (Vigo), se alzou co primeiro premio do concurso para promover o xoguete igualitario da Deputación Búscase a Talento.

Os accésit foron para Mateo Maqueira, de oito anos, alumno do CEIP Portonovo (Sanxenxo) e para Goro Couso, da mesma idade, do CEIP A Pedra (Bueu).

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada da responsable de Red Talento, Laura Seara, enxalzou o papel dos centros educativos, "moi comprometidos coa educación integral", pois neste certame tiñan que promover un xoguete igualitario.

"Síntome orgullosísima da resposta que tivo o concurso, con máis de 1.400 nenas e nenos de 72 centros de 32 concellos que amosa que temos uns centros educativos comprometidos coa educación integral", destacou Carmela Silva, que puxo en valor a creatividade da rapazada. "O talento é o único que importa nas persoas, é o que vai construíndo sociedade".

Búscase a Talento, dirixido a 3º e 4º de Primaria, pretendía remarcar que non hai xoguetes, libros ou xogos diferentes para nenas e nenos; só hai xoguetes para xogar, crear e imaxinar un mundo libre de estereotipos e roles de xénero. Deste xeito os participantes tiñan que crear a Talento, un personaxe feliz, libre, intelixente e con moita creatividade, cunha serie de materiais enviados aos centros educativos pola institución provincial.

DE MUSEO. Para a presidenta, que recordou o seu pasado como mestra, "non é posible unha educación plena e de calidade se a igualade non forma parte transversal desa educación". Así, agradeceu o traballo dos centros, "cun grande compromiso co que é o máis importante ascensor social que existe: a educación". Tamén enxalzou a creatividade das crianzas asegurando que "as 1.400 propostas eran marabillosas, sentídevos todas e todos premiados porque o feito de poñer en marcha a vosa creatividade e talento é un premio xa en si mesmo, pero estas tres son realmente fermosas, teñen unha enorme forza, potencia, son absolutamente diferentes e poderían estar en calquera museo".

Os tres premiados recibiron cadanseu lote de libros educativos e un diploma en cartón pluma e os seus colexios beneficiaranse dunha sesión do espectáculo de contos e música Elas contan moito e dun lote de material igualitario.

As tres crianzas agradeceron á Deputación o premio como tamén o fixeron os docentes que os acompañaron, que aproveitaron a ocasión para enxalzar a iniciativa subliñando a necesidade de traballar no fomento da igualdade e da creatividade.

Así mesmo, a Deputación vén de editar 1.500 exemplares da guía Búscase a Talento, que distribuirá polos centros educativos da provincia para afondar nas consecuencias da sexualización dos xoguetes e na importancia do xogo. Inclúe un decálogo para rachar cos xoguetes e xogo sexista, lembrando, entre outras cuestións, que as cores son de todas as nenas e nenos, a libre elección do xoguete, as oportunidades educativas que ofrecen, a contribución do xogo ao desenvolvemento de habilidades, e a importancia de escoller xoguetes seguros, cooperativos e que fomenten os valores e dereitos humanos.

Comentarios