O comedor social de San Francisco contará cun "sistema máis áxil e directo" de axudas municipais

O obxectivo é distribuír os orzamentos da concellería dun xeito máis razoable e que as achegas económicas non se desaproveiten
Paloma Castro, co responsable do comedor de San Francisco, o pai Gonzalo Diéguez. DP
photo_camera Paloma Castro, co responsable do comedor de San Francisco, o pai Gonzalo Diéguez. DP

A concelleira de Benestar Social de Pontevedra, a socialista Paloma Castro, acordou co responsable do comedor de San Francisco substituír este ano a subvención que se viña reservando habitualmente nos orzamentos municipais a este servizo "por un sistema máis áxil e directo para facerlle chegar as axudas". A decisión foi consensuada co pai Gonzalo Diéguez, ao entender que o sistema de convenio que se viña empregando resultaba moi pouco funcional e de farragosa tramitación, o que, segundo apunta a edil do PSOE, "se traducía en que a achega que se reservaba nas contas do Concello para esta finalidade nin sequera se chegase a empregar".

Neste comedor atenden diariamente uns 130 ou 140 persoas, excepto os sábados, "que baixa un pouquiño”. Isto obrígalles a manter ata tres quendas diarias de comensais.

Castro, co responsable do comedor de San Francisco, o pai Gonzalo Diéguez. DPCastro e o responsable de San Francisco acordaron implementar este mesmo ano "un modelo máis acaído ás demandas reais que vaia presentando o comedor", concretando a colaboración do Concello "a través de vías como a Redeaxuda, o Banco de Alimentos, a adquisición de enseres e de mobiliario necesarios para a prestación do servizo, a entrega directa de alimentos procedentes das diversas campañas solidarias ou as achegas económicas concretas para o período de Nadal (no reparto de Froiz o comedor recibiu un vale de máis de 3.000 euros)".

"O pai Gonzalo é a persoa que coñece de primeira man e mellor que ninguén as necesidades do comedor. Para distribuír os orzamentos da concellería dun xeito máis razoable e que as achegas económicas non se desaproveiten, será el quen nos informe exactamente sobre o que precisan e nós irémolo satisfacendo con axilidade. A petición súa, por exemplo, acabamos de adquirir unhas tarteiras e está en tramitación unha nova vaixela por valor de 463 euros, xa que se empregan dun xeito moi intensivo e acaban rompendo co tempo", explica a concelleira.

Entre as necesidades que o pai Gonzalo lle mencionou este martes a Paloma Castro figuran a compra de embutido, “xa que se fan moitos bocadillos”, e sobre todo o arranxo dos adoquíns e das beirarrúas nos accesos ao comedor dende a rúa Pasantería e a Travesía Aduana.

Comentarios