Comeza o proxecto de renovación das pasarelas e reposición do pavimento da senda fluvial do Lérez

As actuacións, que contan cun orzamento de 25.000 euros, deron comezo coa tala de diversas árbores secas e permitirán rexenerar o treito que vai dende a praia fluvial ata Estación de Bombeo
Unha das pasarelas da senda. DP
photo_camera Unha das pasarelas da senda. DP

Operarios da empresa de servizos forestais Redenor veñen de poñer en marcha, cunha tala de árbores secas, os traballos que permitirán a renovación integral das pasarelas e varandas de madeira e a reposición do pavimento do treito da senda do Lérez que discorre entre o seu inicio na avenida de Bos Aires, nas inmediacións da praia fluvial, e a Estación de Bombeo de Monte Porreiro.

O proxecto, impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e contratado a Redenor cun orzamento duns 25.000 euros, tamén contempla a reposición dunha pasarela de madeira duns 50 metros ao outro lado da estrada, entre a avenida de Bos Aires e a rúa Holanda, e que xa fora reparada de urxencia hai uns meses.

Segundo precisa Iván Puentes, edil responsable do departamento municipal, “esta tala inicial ten a finalidade de preparar toda a zona para a execución dos traballos, eliminando diversas árbores secas perigosas, que invadían o camiño ou que dificultaban o acceso aos piares e á base das pasarelas para poder acometer a súa rexeneración profunda”. “A partir destas actuacións preliminares -indica o concelleiro socialistarepararanse e reporanse tódolos listóns e táboas de madeira deteriorados ou rotos nas pasarelas e nas súas varandas, así como os elementos estruturais da senda”.

A intervención contempla ademais a reposición do pavimento naqueles puntos que o precisen, tanto para eliminar as fochas da senda como para darlle unha maior solidez ao firme.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible ten a intención de que, unha que se rematen estes traballos, o proxecto de rexeneración integral poida ter continuidade no treito que discorre entre a Estación de Bombeo de Monte Porreiro e a parroquia de Bora, de xeito que toda a senda fluvial do Lérez estea en óptimas condicións de conservación.

Comentarios