Como cambiou o conto

Alumnas de Belas Artes revisan a 'Carapuchiña Vermella' nun proxecto de carácter feminista que inclúe intervencións pola rúa en Pontevedra, Cangas e A Estrada
Tania Neira (esquerda) e Álex García Domínguez, pegando carteis en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Tania Neira (esquerda) e Álex García Domínguez, pegando carteis en Pontevedra. DAVID FREIRE

Tres estudantes da facultade de Belas Artes de Pontevedra, Tania Neira, Neliana Solberg (en realidade Amparo García Partal) e Álex García Domínguez, están detrás do proxecto Un lobo en tu camino, que revisa un conto clásico, o da Carapuchiña Vermella, dende un punto de vista feminista. O conto cambiou, pero o "lobo" segue acosando e agredindo finalmente á protagonista.

A proposta inclúe a elaboración dun fanzine, no que participan oito ilustradores (ademais de Neliana Solberg e Álex García Domínguez, Jade Fernández González, Jacobo García Penelas, Uxía Francisco Rial, Ileana García Domínguez Supra, Giada María La Piana e Nicolás López Da Motta), e unha serie de intervencións pola rúa en tres localidades: Pontevedra, Cangas e A Estrada.

"O que faremos nas tres cidades é unha pegada de carteis coas ilustracións que compoñen a historia", explica Tania Neira. "O último deles, o que pecha a serie, inclúe un cógido QR que enlaza directamente co fanzine en formato dixital, para que todo o que queira o poida descargar". Ademais, cada cartel inclúe un mapa cunha serie de puntos que permite facer un percorrido polas vilas seguindo os debuxos.

As alumnas de Belas Artes realizaron o proxecto de Un lobo en tu camino como parte do traballo da materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, na que teñen que organizar un evento. "Normalmente é un traballo que facemos por grupos. Neste caso somos nós as tres", segue contando Neira, que tamén explica como usaron a Carapuchiña para propoñer unha reflexión de carácter feminista sobre unha cuestión de actualidade: "O tratamento legal dos abusos e das agresións sexuais en España". Para as estudantes, como se xestiona a violencia machista, tanto dende o ámbito xurídico como mediático, é preocupante e merece unha reflexión.

Segundo contan as mozas, o seu fanzine participa, a maiores, ata o 24 de xaneiro nun evento centrado neste tipo de publicacións afeccionadas que se está a desenvolver na Casa das Campás de Pontevedra (sede da Vicerreitoría do Campus Universitario), baixo o lema Fanzinelipsis.

Comentarios