Como evitarías a batalla de Ponte Sampaio?

Alumnado do CEIP Ponte Sampaio traballan a resolución de conflitos sen violencia durante un roteiro pola parroquia pontevedresa para coñecer a súa historia e arquitectura
Visita do alumnado de Ponte Sampaio á praia fluvial para observar a ponte medieval da parroquia. DP
photo_camera Visita do alumnado de Ponte Sampaio á praia fluvial para observar a ponte medieval da parroquia. DP

Como terías evitado ti a batalla de Ponte Sampaio en xuño de 1809?

É a pregunta á que tivo que responder o alumnado de quinto e sexto de Primaria do CEIP Ponte Sampaio durante o roteiro que o centro escolar organizou pola parroquia a fin de coñecer a súa historia e patrimonio. A rapazada realizou un percorrido polos lugares máis emblemáticos de Ponte Sampaio: a praia fluvial, a ponte medieval, o lugar da Ballota, a Illa de Medal ou o cruceiro de pedra.

A actividade serviu para abordar cuestións de convivencia e traballar a resolución de conflitos evitando a violencia. "O obxectivo era analizar como a través do diálogo e a negociación, sen solucións bélicas, se pode chegar a un entendemento", explicou o director do centro de ensino, Avelino Cabaleiro.

Na ponte medieval o alumnado descubriu algúns aspectos sobre a súa arquitectura e importancia histórica e estratéxica no desenvolvemento da última batalla en Galicia contra o exército napoleónico e que popularizou aos Heroes de Ponte Sampaio.

Pero ademais, nesta andaina os escolares realizaron un tramo do Camiño Portugués ata o lugar da Ballota. Desde alí dirixíronse logo ata a illa de Medal, propiedade no seu momento do pintor e ceramista Antonio Medal e lugar de reunión con figuras como Castelao, Asorey ou Laxeiro. Alí, ademais de coñecer a historia da Insuíña e dos seus ilustres visitantes, puideron observar as aves que frecuentan os humedais da zona. E é que a parroquia pontevedresa é un dos poucos lugares onde se poden avistar especies tan singulares como o picapeixe.

Esta actividade, organizada polo Concello e desenvolvida polos monitores da empresa de lecer e actividades culturais Marexada, enmárcase dentro do proxecto que leva a cabo o centro As marabillas de Ponte Sampaio.

"Como a proposta do Salón do Libro leva por nome Marabillarte, decidimos traballar as marabillas que temos na nosa parroquia", subliñou o director do colexio, "desde a ponte ata a illa, o cruceiro de pedra que inclúe Castelao no seu libro de cruceiros, a muiñeira de Pontesampaio...", destacou Cabaleiro.