miércoles. 08.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.07.2020
El tiempo

De como o himno galego acabou na banda sonora dunha película india

Imaxe do filme no que aparece o meañés Basilio Camiña tocando o himno galego sobre unha barca polo río Ganges.
Imaxe do filme no que aparece o meañés Basilio Camiña tocando o himno galego sobre unha barca polo río Ganges.

O realizador Abhiskek Singh Rathore inclúe a melodía no filme independente, "Os fíos non tecidos de Varanasi", da man do meañés Basilio Camiña

 

 

"Gustaríame moito volver á India", di Basilio Camiña (Simes, Meaño, 1986). "Pero agora mesmo, nesta situación, nin o penso. Non sería moi responsable viaxar. Quizais noutro momento. A India é un país asombroso, cunha cultura milenaria incrible. Foi moi especial para min estar alí".

O músico e mestre, que estivo na cidade de Varanasi no Nadal de 2018, acaba de compartir, na súa páxina de Facebook, imaxes dunha película india independente na que aparece el tocando o trombón. "O equipo do filme atopoume tocando pola rúa e convidoume a interpretar un par de temas". E efectivamente soan na montaxe final do título. Unha é unha melodía orixinal. A outra, a do himno de Galicia. Esta é a historia de como a música de Pascual Veiga para o poema de Eduardo Pondal rematou de banda sonora dunha produción ao outro lado do mundo.

Basilio Camiña, que actualmente traballa no colexio Abrente (Portonovo, Sanxenxo) como mestre de música, leva anos viaxando por distintos países como voluntario de diferentes ONG coas que colabora, "case sempre en proxectos relacionados coa educación musical". Nos últimos oito anos estivo en Marrocos, Sahara, Brasil, Uganda, Colombia e, finalmente, India.

Entre novembro de 2018 e xaneiro de 2019 foi cando estivo en Beranés, tamén coñecida como Varanasi, como voluntario da ONG Lotus Spain. "Eu impartía clases extraescolares de música e inglés a nenos e nenas de Varanasi, unha cidade sagrada pola que pasa o Ganges e que recibe moitísimo turismo indio porque ten unha enorme importancia relixiosa no país", explica. "Como tiña bastante tempo libre aproveitaba para saír á rúa a tocar. Sacaba algúns cartos que me viñan ben economicamente e, ademais, gustábame moito a relación especial que establecía desta maneira coa xente".

"O equipo atopoume tocando o trombón pola rúa e convidoume a aparecer na gravación", explica o músico e mestre

Camiña conta que aos hindús lles chamaba moito a atención o seu trombón. E el mesmo. «Era un occidental que interpretaba música que eles apenas escoitaron ou directamente non escoitaron nunca. Refírome aos Beatles, por exemplo. Imaxina xa se falamos de música tradicional galega. A India culturalmente vive moito para dentro. Consumen a súa música, as súas cancións, tocan os seus instrumentos, atenden á súa cultura... Todo o demais é raro», conta o músico. "Tamén é raro ver a un europeo tocando na rúa e pedindo cartos. Moitísima xente pide esmola pola rúa na India, pero non un estranxeiro. Relaciónase coa pobreza, coa necesidade extrema. Preguntábanme moito que que me pasara, se me roubaran, se necesitaba axuda para volver ao meu país...".

historia dun sari. Un deses días que o meañés estaba tocando á beira do Ganges achegóuselle un home. Era Abhiskek Singh Rathore, director dunha película, "Os fíos non tecidos de Varanasi", que lle propuxo aparecer no filme. "Conta a historia dun sari, esta prenda típica que visten as mulleres na India, que vai pasando de persoa a persoa", conta Camiña. "Segundo avanza a película vanse descubrindo os rituais da cidade, as tradicións, as músicas... E aí me encaixou a min".

O realizador indicoulle que tocara unha peza concreta co trombón. É a que se escoita cada vez que o sari cambia de mans. A maiores, quixo que interpretara tamén un tema do que el gustara, quizais algo tradicional do seu lugar de orixe. Basilio Camiña elixiu o himno galego. "Xa o tocaba de cando en vez na rúa. Cando me pediu algo propio da miña terra foi o que se me veu á cabeza porque a película é un pouco triste, non me valía unha muiñeira. Necesitaba unha melodía máis introspectiva. Toqueilla, gustoulle e meteuna polo medio. E creo que quedou moi ben2.

Despois de tanto tempo, Camiña acaba de ver a película que, segundo di, agora está dispoñible nalgunhas plataformas en distintos países, por exemplo, no Reino Unido, "nunha especie de festival on-line no que mercas varios títulos e despois votas o teu favorito". Así foi que Camiña puido acceder ao seu visionado.

"Para min foi moi fermoso tocar na película", recoñece, "pero non por iso en concreto, senón como parte da experiencia completa que vivín en Varanasi. É unha cidade tan antiga, tan sagrada para eles... Poder tocar alí, á beira do Ganges, foi moi emocionante". Di que sempre que o facía colocaba unha bandeira galega ao seu carón. "Non por ningunha cuestión política, senón porque simplemente quería ver se algún día pasaba outro galego e a recoñecía". E pasou efectivamente. "Si, pasou: unha parella de Santiago que vive no Grove e se parou a saudarme".

De como o himno galego acabou na banda sonora dunha película india
comentarios