Os composteiros de Campolongo entran en servizo esta semana

O barrio estreará a reciclaxe de restos de comida o 2 e 3 de xullo
2020062913363151843
photo_camera Novo compostero en Pintor Laxeiro, no barrio da Parda. CONCELLO

A rede de composteiros comunitarios crece en Pontevedra. E faino con oito novas illas para a reciclaxe de restos de comida. Catro delas estarán situadas no barrio de Campolongo, que ata agora non tiña ningunha destas illas. A intención municipal é que todas as instalacións entren en servizo esta mesma semana.

O 2 de xullo estrearanse os composteros da Rúa do Espincelo e o que se situou entre Xeneral Rubín e o paseo de Valle Inclán. O día 3 farano o de Iglexas Vilarelle e o que o Concello situou entre Alcalde Hevia e a Rúa do Forno. En total, os composteiros contarán con dez módulos e un caixón con material estructurante para mesturar de forma correcta o lixo orgánico coa madeira triturada. Ademais, estes espazos estarán dotados con papeleiras e unha fonte.

O Concello tamén abrirá máis illas en Valdecorvos e A Parda

A Concellería de Residuos, que dirixe Raimundo González Carballo, levará a cabo un labor informativo a través da colocación de cartelería nos respectivos recintos para resolver as dúbidas dos veciños.

Os de Campolongo non serán os únicos composteiros comunitarios que se estrearán esta semana. Tamén se ampliarán os que xa hai na Parda e Valdecorvos. O 1 de xullo activaranse máis módulos dos que xa hai nas rúas Pintor Laxeiro e Mestre Soutullo, na Praza das Regas.

Esa mesma xornada, en horario de tarde, abriranse os situados en Antón Losada Diéguez e Maruxa Mallo. Ambos contarán con dez módulos cada un, caixas de estructurante, papeleira e fonte. Tres mestres composteiros atenderán as preguntas e dúbidas dos potenciais usuarios.

Pontevedra eleva a 23 os seus centros de compostaxe, que tratarán 1.150 toneladas de biorresiduos ao ano, o 8% dos que se producen

Na actualidade, o Concello de Pontevedra xestiona 15 centros de compostaxe comunitaria en distintos puntos da cidade. A eles sumaránselles oito máis ao longo desta semana, o que elevará o seu número a 23.

As illas de reciclaxe tratan ao redor de 70 toneladas de lixo orgánico ao ano. Coas novas incorporacións espérase que esta cifra aumente a 1.150 toneladas, o que equivalería ao 8% da produción de biorresiduos do municipio.

¿Que se pode compostar e como facelo? 
As persoas que utilicen os composteiros comunitarios poderán depositar nel carne (tamén ósos) e peixe; marisco (cunchas incluídas); froitas, verduras e legumes; pan, pasta e arroz; cascas de ovo; pousos do café e sobres de infusións (sen etiqueta) e papel de cociña e servilletas brancas (sen tinguiduras). 

Nestas instalacións non poderán botarse revistas, periódicos e demais papeis impresos; cueiros e produtos de hixiene persoal; restos da aspiradora; roupa e tecidos en xeral; cinzas e serrín; excrementos de animais; cabichas e medicamentos. 

Consellos 
Para compostar é preciso separar ben en casa os biorresiduos; levalos ao centro de compostaxe; depositar os restos (sen bolsa) no interior da instalación e cubrir o lixo orgánico coa mesma cantidade de estructurante (madeira triturada). Os mestres composteiros encargaranse do mantemento destas illas.

Comentarios