Comuneiros reclaman á Xunta negociacións sobre os terreos de Montecelo

A Comunidade de Montes denuncia unha "falta de seriedade" dous anos despois de que o TS lle recoñecese a titularidade das parcelas
Exterior del Hospital Montecelo. ADP
photo_camera Exterior del Hospital Montecelo. ADP

A comunidade de Montes de Mourente presentou este sábado un escrito perante a Consellaría de Sanidade no que demanda a apertura inminente de negociacións sobre os terreos do Hospital Montecelo, e que chega cando están a piques de cumprirse dous anos desde que a sentenza do Tribunal Supremo recoñecese a titularidade veciñal dos terreos.

No escrito, os comuneiros lémbranlle á Xunta que, após as conversas acontecidas en xaneiro, nas que advertiron da intención de levar o caso aos tribunais se o Sergas non resolvía sobre a ocupación dos terreos que desde xullo de 2018 son de propiedade comunal, representantes da Consellaría mantiveran unha reunión o pasado 11 de febreiro coa Xunta Reitora da Comunidade de Montes na que reiteraron preferir a expropiación do terreos, malia estar dispostos a escoitar as condicións dunha posíbel cesión de uso, de incluiren estas a necesaria garantía xurídica que dese cobertura aos traballos de renovación do hospital actual.

A oferta provisional presentada polos representantes dos comuneiros fora cualificada de "aceptábel" polos delegados da Consellaría, que se comprometeron amais a dar unha resposta coa maior brevidade posíbel. Con todo, fontes pertencentes á Comunidade de Mourente sinalan que "a Xunta de Galicia foi poñendo excusas para non dar contestación á proposta presentada, primeiramente aducindo o estado de alarma pola pandemia da covid-19, mentres que agora xa nin as dá".

Perante esta situación, a Comunidade de Montes de Mourente admite lamentar "a falta de seriedade da Xunta", após dous anos ocupando terreos comunais, para os que non dispón nin de título nin de autorización, e sen tomar decisión algunha respecto da oferta dos comuneiros, "quizais esperando que remate o proceso electoral".

Desde Mourente pensan que non sería comprensíbel que desde a Consellaría de Sanidade se decidise levar a cabo un procedemento expropiatorio, o cal suporía o pagamento de arredor de centos de miles de euros en materia de indemnizacións, cando a Comunidade de Montes ten presentado unha oferta de canon entendida como "razoábel" polos representantes da Consellaría no seu momento, e que evitaría o desembolso das compensacións correspondentes. Un aforro a ter en conta "precisamente nun momento no que a necesidade do gasto sanitario vén de incrementarse considerabelmente" a raíz da pandemia mundial provocada pola covid-19.

Comentarios