Os comuneiros de Verducido dan vida ao seu antigo campo de fútbol

A Comunidade de Montes chegou a un acordo co Club Arco Xeve para o uso dun recinto, que non ten actividade desde hai dous anos
2020101912485778611
photo_camera Antigo campo de fútbol de Outeiro do Home, en Verducido. DP

O antigo campo de fútbol Outeiro do Home, situado en Covadáspera-Verducido, volverá ter vida co acordo subscrito entre a Comunidade de Montes da parroquia e o Club Arco Xeve. O recinto deportivo, que está sen actividade desde hai dous anos —o Concello construíu nesta zona do rural un novo campo de fútbol de herba sintética—, acollerá a finais de mes os primeiros adestramentos da entidade deportiva que preside Elías Méndez.

Membros do Club Arco Xeve iniciaron os traballos de acondicionamento da parcela que teñen previsto finalizar durante esta semana. Desta forma, o colectivo poderá retomar os adestramentos que viña realizando no pavillón de Santo André de Xeve e que tivo que suspender polas medidas de seguridade decretadas pola Xunta para a contención da pandemia da covid-19.

"Estamos pendentes de que a Consellería de Educación autorice o uso compartido do pavillón que necesitariamos utilizar nos días de mal tempo", sinala Elías Méndez.

Aínda que a firma do convenio cos comuneiros de Verducido tivo lugar o pasado mes de xaneiro, os trámites administrativos para a obtención da pertinente autorización da Subdelegación do Goberno fixeron que non fose ata o pasado luns cando o Club Arco Xeve recibiu luz verde para poder utilizar o antigo campo de fútbol como recinto de adestramento.

Elías Méndez confía en que dispoñer deste campo impulse a captación de socios. "O ano pasado eramos 43 pero na actualidade somos dez porque moitas persoas están a esperar a que retomemos os adestramentos para estar o suficientemente preparados para participar nas competicións".

Pola súa banda o presidente dos comuneiros da parroquia de Verducido, Marcos Rey, destaca que o acordo alcanzado co Club Arco Xeve permitirá "dar uso e manter en bo estado unha parcela que leva dous anos sen ser utilizada".

Comentarios