Comunicación con cintas e carretes

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebra o seu 25 aniversario cunha serie de conferencias e dúas exposicións
Un visitante da mostra de fotografía da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. UVIGO
photo_camera Un visitante da mostra de fotografía da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. UVIGO

CÁMARAS DE FOTOGRAFÍA de 1880, máquinas de escribir, móbiles antigos, cintas e carretes compoñen a exposición que acolle estes días a facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. A mostra está enmarcada dentro do programa de actividades con motivo do 25 aniversario do centro. "Todo o que se amosa cabe agora nun teléfono móbil", explicaba este luns o profesor da facultade Jorge Lens, que achegou unha colección de cámaras de fotografía antigas, dende a era analóxica ás primeiras da era dixital. "Iso non quere dicir que se perdera calidade, porque pódese dicir que a foto dixital está xa ao nivel da analóxica, o que se perdeu foi certo romanticismo", explicaba este luns o profesor.

Ademais de que a era dixital permitiu facer a comunicación máis accesible, viu tamén da man da instantaneidade que permite facer unha fotografía cun dispositivo móbil e difundila no momento a través da multiplicidade de redes dispoñibles para calquera cidadán. A mostra trata precisamente de amosar estes cambios no mundo da comunicación nos últimos anos. Non hai demasiado tempo que se empregaban obxectos que hoxe en día xa non forman parte das nosas vidas, como un carrete de fotografía. Os primeiros aparellos da era dixital tamén aparecen na mostra, de xeito que se expoñen modelos de ordenadores antigos, da época na que se comezaba a albiscar un futuro lonxe do analóxico.

Ademais, Jorge Lens coordinou a mostra Fai click. 15 anos de fotografía na facultade. Esta outra exposición, situada na planta baixa da facultade, recolle traballos fotográficos de alumnos de Publicidade e de Comunicación Audiovisual dende o ano 2005. Lens garda nun disco duro os traballos dos seus alumnos e alumnas dende que as fotografías se fan con tecnoloxía dixital. "Adiquei este último mes a facer un visionado das imaxes que teño gardadas para seleccionar dúas ou tres representativas de cada promoción", explica o mestre. O resultado é unha mostra con 50 fotografías que noutro tempo foron traballos de clase para practicar a composición dunha imaxe, aprender a xogar cos enfoques ou empregar recursos compositivos.

Comentarios