Comunicación, igualdade, filosofía e historia, nos cursos de verán da Uned

As accións desenvolveranse en formato mixto, polo que non hai límite de participantes
A oferta formativa estival da Uned na provincia foi presentada este luns no Pazo da Deputación. DAVID FREIRE
photo_camera A oferta formativa estival da Uned na provincia foi presentada este luns no Pazo da Deputación. DAVID FREIRE
O Camiño de Santiago, a comunicación, a igualdade ou a filosofía son algúns dos temas que centrarán os cursos organizados pola Uned para este verán na provincia. Trátase de seis accións formativas de 20 horas cada unha que se celebrarán nas sedes de Pontevedra, Portas e Vigo e no Centro Penitenciario da Lama e que están dirixidas ao conxunto da cidadanía. Nesta ocasión levaranse a cabo cun formato mixto (combinando o presencial e o online), polo que non teñen límite de participantes, salvo o que terá lugar no Centro Penitenciario, que soamente se realizará de xeito presencial.

Os cursos foron presentados onte no Pazo Provincial pola presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director da Uned en Pontevedra, Víctor Manuel González, quen agradeceu a implicación das administracións provincial e municipal e destacou a importancia de que estas accións se poidan desenvolver "nun contexto mellor", permitindo ao alumnado acudir presencialmente.

Máis polo miúdo, na cidade de Pontevedra terán lugar tres cursos que se impartirán entre o 7 e o 9 de xullo: Os valores da comunicación na sociedade hiperconectada, no que os participantes analizarán e debaterán sobre os valores e a función da comunicación en xeral e dos medios en particular; baixo o título O Camiño de Santiago e o islam: relacións interrelixiosas na ruta xacobea durante a Idade Media reuniranse testemuños documentais e artísticos das relacións entre cristiáns e musulmáns no Camiño; e en Filosofía en tempos de incerteza analizarase a situación actual, prestando especial atención aos novos retos e problemas morais, sociais, políticos e culturais aos que facer fronte.

A aula da Uned en Portas acollerá entre o 14 e o 16 de xullo un curso que fará un repaso dos fitos significativos do último século baixo o título As crises políticas na España contemporánea. E no Centro Penitenciario da Lama levarase a cabo un curso, entre o 30 de xuño e o 2 de xullo, sobre Constitución e Dereitos: Arte e Cultura para os Dereitos Humanos, no que se abordarán iniciativas para concienciar na loita polos dereitos das persoas.

Comentarios