O 'ComunicaTEX' encadea o seu terceiro premio na Open Science Cambre

María Buceta, Iria Tilve e María Seoane, do IES A Xunqueira II, gañaron na súa categoría co panel e-téxtil que xa triunfara en Galiciencia e Pontenciencia ▶ En maio defenderano en Bilbao
As rapazas pontevedresas explican o proxecto ao público no seu stand da feira en Cambre. CEDIDA - ComunicaTEX
photo_camera As rapazas pontevedresas explican o proxecto ao público no seu stand da feira en Cambre. CEDIDA

ComunicaTEX, o panel e-téxtil (feito con fieltro, fío condutor e unha placa electrónica), capaz de axudar a comunicarse a persoas con diversidade funcional mediante son e luces que idearon tres alumnas do IES A Xunqueira II, vén de acadar un novo recoñecemento, neste caso na Open Science Cambre. Pese á súa curta traxectoria (a desta pasada fin de semana foi a segunda edición), esta feira de ciencias organizada pola comunidade educativa do IES David Buján ten carácter internacional. Reuniu no concello coruñés un cento de proxectos de España e de outros países como México. Deles, 70 participaron no concurso nas modalidades de Primaria, ESO e Bacharelato. As pontevedresas levaron o galardón na súa modalidade, Secundaria.

O instituto pontevedrés comeza o curso como acabou o anterior, de premio en premio. Neste caso fóranlle seleccionados cinco proxectos e ata aló acudiron os estudantes xunto coas profesoras que coordinan o departamento de innovación no centro, Raquel Gey e Esther Padín, e tamén outros docentes que traballaron nestas iniciativas o curso pasado pero que este foron destinados a outros institutos, caso de Patricia Seijas e Miguel Quiroga.

A expedición do IES A Xunqueira II, coas súas docentes e ex profesores. CEDIDA - ComunicaTEX
A expedición do IES A Xunqueira II, coas súas docentes e ex profesores. CEDIDA
 

María Seoane e María Buceta acaban de empezar 3º da ESO, mentres Iria Tilve estrea 2º. Teñen 14 e 13 anos. Elas son as artífices do ComunicaTEX, que merecera unha mención especial na pasada edición de Galiciencia ao máis innovador e creativo, e un primeiro premio en Pontenciencia.

"Tenían mucha fe en el proyecto y a la gente le gustó mucho, les hicieron muchas preguntas", confesa Raquel Gey. "Non o esperabamos, pero unha mención ou algo...", admite María Seoane.

O ComunicaTEX non sufriu modificacións nos últimos meses, pero as rapazas si teñen claro que o mellorarán de aquí á su próxima feira, que será a Zientzia Azoka de Bilbao, prevista para maio de 2020. É a recompensa pola victoria en Cambre, unha bolsa de 500 euros para sufragar os gastos da viaxe á cidade vasca.

Os detalles que implementarán aínda non poden desvelarse de todo. "Mellorarémolo un pouquiño... bastante". "Quieren abarcar otros terrenos y otros ámbitos", apunta Esther Padín. "Queremos adaptalo a máis casos. Imos engadir cousas". Tamén queren ir a algunha asociación e probalo con usuaurios para recabar as súas opinións e propostas de mellora.

As estudantes volveron encantadas de Cambre, onde gabaron a organización. "Coñeces a moita xente, acóllente nas súas casas...". "Todo el pueblo se vuelca en la feria, incluso hicieron un escape room en el Concello. Hay muy buen ambiente, mucho compañerismo...", añade Raquel.

OBRADOIRO. O IES A Xunqueira II levou outros catro proxectos a Cambre. Son o Kraken, unha embarcación teledirixida impulsada por enerxía solar que quedou en "buen puesto" na regata solar de Marine Instruments; App Clever Mode, xurdida nun debate sobre intelixencia artificial; Proxecto Sanote, que investiga se a alimentación saudable, o exercicio físico e a meditación se traducen en mellores resultados académicos, e ECOmestible, unha iniciativa encamiñada á produción de alimentos ecolóxicos sen desestabilizar a economía familiar.

Algúns destes proxectos desenvolvéronse durante as tardes no Espazo Maker, pero as docentes subliñan que esta filosofía de aprendizaxe por proxectos e traballo interdisciplinar se leva a cabo en todo o horario lectivo.

STEMBACH. Raquel e Esther tamén son as coordinadoras do Stembach, o Bacharelato de Excelencia en Ciencias que o instituto empezará a impartir este curso. "Aún no podemos avanzar mucho porque tenemos que concretar los contactos en las universidades, ver cuantos son los alumnos interesados...", explica Esther. "Era el paso lógico -apunta Raquel-. Después de estos que estamos trabajando en Secundaria, no cerrarles las puertas en Bachillerato".

Comentarios