As comunidades de montes posúen o 33% da superficie do concello

Das 3.500 hectáreas do territorio, as 19 agrupacións de comuneiros do municipio son donas de 12.000 ► Ponte Sampaio é a que ten máis terreo, con 505 hectáreas, mentres que Castro Lampán (Bora) é a que menos, con 18
photo_camera Vista da cidade de Pontevedra e do seu monte periurbano. DAVID FREIRE

A cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, corresponde a monte veciñal en man común, xestionado por 2.800 comunidades de montes. En Pontevedra son 19 as agrupacións de comuneiros que posúen unha superficie de 12.000 hectáreas, o 33% das 3.500 do concello. Isto vén demostrar que esta figura é un claro indicador económico e produtivo, ademais de ser o parapeto que protexe á cidade fronte aos incendios forestais.

Por extensión, Ponte Sampaio é a que ten máis terreo (505 hectáreas), seguida de San Andrés de Xeve (497), Verducido (485), Campañó (450), A Canicouva (400), Marcón (330), Santa María de Xeve (326), Cerponzóns (223), Salcedo (220), Lérez (86), Tomeza (73), Alba (65), Mourente (44), Lourizán (40) e Castro Lampán (18).

En relación á superficie total da parroquia, Mourente é a que conta con menos monte en man común porque ao estar situada en primeiro cinto da cidade "está perdendo terreo en favor do núcleo urbano", explica o presidente dos comuneiros desta zona do rural, Carlos Morgade.

E é que os terreos forestais máis próximos á cidade son os que veñen sendo utilizados polas administracións públicas para a creación de infraestruturas de interese social, a través de apropiacións mediante procesos expropiatorios e, na época franquista, mediante cesións de terreo comunal efectuadas polos concellos a outras institucións sen contar coa autorización dos seus lexítimos propietarios, os comuneiros.

No caso de Mourente, unha resolución xudicial ditada o 31 de xullo de 2018 deu a razón Comunidade de Montes sobre a titularidade dos 39.306 metros cadrados que en 1973 ocupáronse de forma ilegal para levantar a antiga Residencia da Seguridade Social, nome co que aínda se coñece o citado centro sanitario. A agrupación parroquial está á espera dunha negociación coa Consellería de Sanidade para chegar a un acordo para fixar un canon polo aluguer dos terreos.

Lérez decidirá en asemblea se prorroga a cesión ao Concello do terreo onde están os campos de fútbol da Xunqueira

Ademais desas case 4 hectáreas, Mourente tamén iniciou un proceso para reclamar a titularidade das 15 hectáreas que ocupa o Centro Príncipe Felipe. Os comuneiros confían en chegar a un acordo coa Deputación para evitar o litixio.

Tamén a Comunidade de Montes de San Andrés de Xeve viuse obrigada a recorrer aos tribunais para recuperar a propiedade das 11,2 hectáreas do monte Cernadas, no que está situado o campo de tiro de Cernadiñas Novas. Unha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra deulle a razón á entidade que preside Jesús Castro, que está pendente de que Administración galega adopte unha decisión que pasaría polo pago dun canon, a expropiación dos terreos ou o cesamento da actividade nas instalacións.

Salcedo foi outra entidade parroquial que gañou no Xulgado un preito que lle permitiu recuperar para o seu patrimonio as 180 hectáreas que ocupaba a base Xeral Trasfogueiro, sede da Brilat. Nas negociacións posteriores co Ministerio de Defensa, o Exército puido seguir utilizando 71 hectáreas do monte San Martiño en base a un convenio dunha duración de 75 anos.

Pero a utilización do monte comunal por parte das administracións non sempre acabou en litixio. Por exemplo, Lérez pactou co Concello o uso deportivo do terreo no que están situadas as instalacións deportivas de A Xunqueira. O convenio, cunha duración de 25 anos, está a piques de caducar, polo que os comuneiros deberán acordar na próxima asemblea se autorizan a prórroga do convenio.

"A maior infraestrutura deportiva da cidade está en terreos da parroquia de Lérez", destaca o presidente da entidade parroquial, Martín Martínez.

A boa sintonía e colaboración entre o Concello e as comunidades de montes tamén se reflicte nos acordos alcanzados para a creación de casas de cultura, campos de fútbol e parques infantís. En concreto, Santa María de Xeve cedeu á Administración local o terreo onde se construíu o campo de herba sintética de Gatomorto, un equipamento que supuxo un investimento de 859.953,23 euros .

Coa súa posta en disposición, o Goberno local haberá superado neste mandato os 11 millóns de euros de investimento na construción ou mellora de infraestruturas deportivas municipais. Concretamente, destinaría a este fin os 11.918.323 euros.

O campo de Gatomorto é un dos catro campos de herba sintética que a Administración municipal construíu nas parroquias do rural. O de Cerponzóns xa está en uso (contou cun orzamento de 865.000 euros), o de Campañó (cun investimento de 895.400 euros) xa está en uso e o de Ponte Sampaio (1.163.536 euros), que xa está en obras, está pendente das xestións que realizan os comuneiros cos propietarios dunhas leiras anexas necesarias para as instalacións.

Marcón, a parroquia con maior número de comuneiros: 530
Marcón é a parroquia que conta cun maior número de comuneiros (530), seguida por Ponte Sampaio (400), Campañó (284), Santa María de Xeve (260), Salcedo (220), Mourente (170), Tomeza (150), verducido (138), San andrés de Xeve (130), Cerponzóns (112), alba (100), a Canicouva (87), Lérez (82), Lourizán (40) e Castro Lampán (36). a este número hai que sumar os socios doutras tres comunidades de Bora.

ASEMBLEA. A Comunidade de Montes de Marcón celebra unha asemblea na casa parroquial que comezará ás 10.30 horas na que se concretará a axenda electoral para a renovación do actual equipo directivo que preside Óscar Coto, que decidiu presentarse á reelección. Coto, que está á fronte da entidade parroquial desde 2010, aspira a seguir dirixindo a agrupación durante os próximos catro anos.

Comentarios