O Concello aboará 500.000 euros de Supera 20 nuns días

Reunión deste mércores con CCUZM. DP
photo_camera Reunión deste mércores con CCUZM. DP

Resolto o prazo de alegacións, é cuestión de días que as axudas Supera 20, deseñadas polo Concello de Pontevedra para paliar os efectos da covid-19 na cidade, cheguen ao peto dos empresarios que as solicitaron. Deste xeito, a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, declarou este mércores que, con esta medida, Pontevedra convértese "nunha das primeiras administracións en achegar liquidez aos sectores afectados". Segundo os primeiros cálculos, o Concello falaba de máis dun cento de subvencións concedidas por valor de 481.000 euros. Agora, unha vez rematado o prazo de alegacións, esta primeira liña de axudas denominadas Supera 20 suma oito reclamacións aceptadas, polo que chega ás 166 axudas e supera os 500.000 euros de desembolso por parte das arcas municipais. Do total de axudas concedidas, máis dun 30% correspóndese con negocios do sector da hostelería, que representan máis de 170.000 euros do total.

Paralelamente, o Concello continúa coa rolda de reunións con colectivos de empresarios e autónomos para detallar as bases da próxima liña de axudas, que terá uns requisitos máis accesibles que as anteriores, ampliando o tempo de solicitude das mesmas e o tipo de empresas que poden acceder a elas no que se refire ao número de traballadores. No encontro do mércores, as concelleiras Yoya Blanco, Eva Vilaverde e Anabel Gulías reuníronse con representantes da asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCUZM).

Segundo definiu o Concello, foi un encontro "cordial, colaborativo e con puntos de encontro". Entre os acordos están o de que se poidan imputar gastos anteriores á publicación da convocatoria e que se realice unha campaña de dinamización das rúas da zona monumental, cando a pandemia o permita.

Comentarios