O Concello de Pontevedra acusa ao Sergas de dilatar a reposición de médico en Ponte Sampaio

Tras un novo contacto do alcalde co xerente da área sanitaria, o goberno municipal conclúe que "non hai intención de resolver o problema no curto prazo"

Consultorio de Ponte Sampaio. DP
photo_camera Consultorio de Ponte Sampaio. DP

O concelleiro de Servizos, Raimundo González, asegurou a mañá do mércores que, tras un novo contacto entre o alcalde de Pontevedra e o xerente da área sanitaria, o Concello constata que "o único que hai por parte do Sergas é unha dilatación da situación" a respecto da reposición de médico en Ponte Sampaio.

Raimundo González asegurou que a conversa, mantida o martes, é xa o "enésimo" contacto para intentar desbloquear a situación e que o Sergas acceda a analizar as condicións dos locais que o Concello pon á súa disposición. Tras esta nova conversa na que "non se acadou ningún compromiso por parte do Sergas", Raimundo González asegura que "non ten ningunha intención de repoñer o médico de inmediato nin de resolver o problema a curto prazo", posto que non fixan unha cita para ver os locais e ademais alegan que a falta de facultativos é un problema que afecta a máis centros médicos de zonas rurais do país e que no verán hai un problema de substitucións.

O Concello trasladará esta resposta á plataforma veciñal para que valore a conveniencia de incrementar as medidas de presión. Neste sentido, o concelleiro asegurou que aínda que a falta de facultativos sexa unha cuestión global do Sergas, a nós o que nos preocupa e polo que estamos loitando é polos nosos veciños de Ponte Sampaio e seguimos insistindo e que queremos a reposición do facultativo de inmediato para que non se teñan que seguir desprazando ao centro médico de Virxe Peregrina".

Comentarios