O Concello adxudica por 1,5 millóns as obras de reforma do edificio Centro Sur

O centro poderá ser usado por Amencer, Cogami e asociacións veciñais en canto rematen os traballos, que durarán oito meses redacción
O edificio Centro Sur, na rúa Luis Braille. TANIA MOREIRA (ADP)
photo_camera O edificio Centro Sur, na rúa Luis Braille. TANIA MOREIRA (ADP)

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra vén de aprobar a proposta de adxudicación das obras de reforma do edificio Centro Sur á empresa Contrucciones Ramírez. A proposta contempla un orzamento de adxudicación de 1.547.129,15 euros e o prazo de execución das obras sitúase en oito meses desde o inicio dos traballos. A empresa adxudicataria inclúe na súa proposta os tres bloques de mellora que se especificaban nos pregos da liticación, e que se refiren ao equipamento e a mobiliario dos espazos comúns e dos espazos destinados a dormitorios na futura residencia para persoas dependentes.

A reforma do edificio implica a súa reformulación co obxecto de destinar dous andares a residencia para persoas dependentes con servizos de atención diurna que xestionará Amencer-Aspace, outros dous andares destinaranse a Centro de Día de Amizade-Cogami, e o resto dos espazos acollerán diversas entidades veciñais e sociais como Amigos de Campolongo, Salcedo Sur, Igadi, a Polifónica, ou o Fondo de Cooperación entre outras.

Estas obras de reforma implican o reforzo da estrutura do edificio, habilitar accesos diferenciados para os diferentes usos, instalar un ascensor e acondicionar os dous andares destinados á residencia de Amencer-Aspace, que contará con capacidade para 32 prazas (16 prazas por andar).

No inicio do procedemento de licitación destas obras, a concelleira de Contratación, Anabel Gulías, cualificara este proxecto como "un dos máis ambiciosos e cuantiosos dos que temos dentro da Estratexia Edusi", afirmando que "é un punto forte durante este mandato porque nos permite dotar de maiores infraestruturas tanto sociais como veciñais á cidade de Pontevedra". Tamén explicara que o procedemento de contratación incluía os pertinentes permisos sectoriais da Xunta de Galicia relativos tanto á construción do centro como aos requirimentos para desenvolver a actividade.

Paralelamente, tamén se iniciou o proceso de concesión demanial para que Amencer-Aspace se faga cargo da actividade e do mantemento da residencia.

O proxecto de reforma do edificio Centro Sur está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi) Máis Modelo Urbano Pontevedra.

Comentarios