O Concello alerta da suposta estafa dunha empresa que cobra por trámites no Padrón

Recorda aos veciños que esas xestións son de balde

Oficina do Padrón de Pontevedra. CONCELLO
photo_camera Oficina do Padrón de Pontevedra. CONCELLO

O Concello de Pontevedra informou este mércores de que varios veciños alertaron dunha "soposta estafa" despois de que unha empresa privada intentase cobrar pola realización de trámites que se realizan no servizo do Padrón Municipal. Recorda, así as cousas, que todos os trámites que se realizan alí son de balde

Segundo a administración local, persoas que querían facer xestións no padrón puxéronse en contacto cunha empresa que lles cobrou 39 euros por unha tramitación que tanto a través da sede electrónica municipal (sede.pontevedra.gal) como persoalmente —nas oficinas de Michelena, 30— non teñen custo para o cidadán. Ademais, asegura que algúns dos trámites xa cobrados pola compañía nunca se chegaron a facer na oficina.

A Policía Local abrirá unha investigación para coñecer o alcance da suposta estafa. 

O Concello pide aos cidadáns que antes de contratar unha empresa para xestionar cambios no padrón contacten co Concello para asegurarse de que non ten custo, e que a poden realizar eles mesmos tanto a través da sede electrónica ou nas propias dependencias municipais. O Padrón só cobra pola emisión duns poucos documentos oficiais que están regulados por unha taxa municipal.

Comentarios