O Concello de Pontevedra amplía as súas oposicións con 16 prazas máis

A convocatoria reforzará os servizos sociais, administrativos e de obras e os corpos de Bombeiros e Policía Local â?? Nove postos serán de libre acceso e sete de promoción interna
Oposiciones celebradas a principios de año en el Recinto Feiral. G. GARCÍA
photo_camera Oposiciones celebradas a principios de año en el Recinto Feiral. G. GARCÍA

O Concello amplía a súa oferta de emprego público con 16 prazas máis. Así o confirmou onte a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, que avanzou que as próximas oposicións para converterse en funcionario municipal teñen como obxectivo "reforzar a Administración local e modernizala".

As convocatorias cubrirán vacantes en servizos sociais, administrativos, de obras e mantemento e nos corpos de urxencias, concretamente en Bombeiros e Policía Local. Nove dos postos serán de acceso libre e os sete restantes de promoción interna, é dicir, reservadas para o persoal municipal.

A relación de empregos previstos contempla dúas prazas de técnico medio en Administración Xeral, unha de oficial condutor mecánico, outra de xardineiro e unha máis de oficial de obra, todas elas serán de promoción interna.

A lista tamén inclúe catro prazas de oficial electricista, das cales a metade serán da quenda libre e o resto de promoción interna. A maiores, o Concello ofertará dous postos de subalterno, dous de traballadores sociais, un de bombeiro-condutor e dous de policías locais. E todos eles serán de acceso libre.

A partir do ano que vén suprimirase o azar nos exames para lograr un posto de funcionario na Administración local

A nova quenda de oposicións coincidirá coa posta en marcha de novos cambios nos exames para ser funcionario municipal. A partir do ano que vén, o Concello eliminará o azar na segunda proba, de modo que o tema que haxa que desenvolver para superar as distintas fases da convocatoria xa non dependerá da sorte (dun bombo con números), senón que será o tribunal avaliador o que o seleccione con anterioridade.

Outra das modificacións que levarán a cabo a partir de 2022 afecta o exame de galego, que obrigará a realizar unha redacción neste idioma para os postos de maior rango na escala municipal ou un exame oral para as prazas de menor categoría profesional.

Ademais de que o cuarto exame, de preguntas sobre informática, pasará a ser optativo, as novas bases nos procesos de oposición tamén reducirán o número de preguntas no primeiro exercicio, que é de tipo test. Haberá dez menos en cada proba.

En paralelo, a Administración pontevedresa poderá botar man de distintas instalacións para realizar estas convocatorias. Entre elas figura o Recinto Feiral.
 

Outros procesos Lanzada a oferta para 20 empregos de funcionario
O Concello acaba de lanzar unha nova oferta pública de emprego con 20 prazas. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou onte a convocatoria para cubrir distintos postos. Os interesados dispoñen dun prazo de 20 días naturais a partir de hoxe (ata o 9 de xaneiro, incluído) para formalizar as súas solicitudes e poder acceder a este proceso.

Entre as prazas en disputa figuran unha de técnico de Administración Xeral (quenda libre), seis de administrativo (cinco de promoción interna e unha libre), dúas de auxiliar administrativo (libre), catro de subalterno (todas libres e, delas, dous para persoas con discapacidade xeral e outra para discapacidade intelectual), dous aparelladores (libre), tres operarios (libre) e dous sepultureros (unha por promoción interna e outra de acceso libre).