O Concello aproba a rede de auga para 448 vivendas de Marcón por 4,3 millóns 

O prazo de execución das obras é de 24 meses

A xunta de goberno do Concello de Pontevedra aprobou o único punto que figuraba na orde do día fixada para este luns, a ampliación da rede de abastecemento desde a saída do depósito de Castrosenín para a parroquia de Marcón. Así, deu luz verde ao proxecto de obra por un importe de 4,33 millóns de euros. O prazo de execución é 24 meses e faise con cargo ao contrato de concesión do servizo de auga a Viaqua. 

A portavoz municipal, Anabel Gulías, destacou a importancia dunha medida "cunha cifra bastante espectacular" e que "pon de manifesto o compromiso deste goberno local co investimento no rural". Trátase de investir máis de 4 millóns para 448 vivendas que non dispoñen de abastecemento, unha obra que o goberno local considera que "vai ser moi positiva". 

As obras inclúen unha parte da parroquia de Mourente e á práctica totalidade da de Marcón, excepto os lugares de Pintos e A Peralba por problemas da cota, xa que están máis altos que o depósito. Os lugares onde se van a levar a cabo as canalizacións son os de Vilafranca, Pazos, A Ermida, Marcón, Ría de Arriba e Ría de Abaixo, A Barcia, A Cardosa, Freixeiro, A Raxeira e Moldes. Ademais afecta ás vías PO-532 e PO-542, pertencentes á rede autonómica. 

O Concello xa aprobara outro contrato de Viaqua correspondente á primeira saída de Castrosenín, por 4,6 millóns de euros para dar servizo a 610 vivendas de Mourente. "Co proxecto do que iniciamos agora a tramitación estamos a falar de case 9 millóns de euros para o abastecemento de auga potable", destacou Gulías. 

Mapa do proxecto de abastecemento de Marcón. CONCELLO

Comentarios