O Concello aumenta a oferta de emprego para 2020

A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria de seis prazas de Administrativo, sete de auxiliar administrativo e unha de traballadora social
Plan de tráfico previsto para o barrio do Burgo. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera Plan de tráfico previsto para o barrio do Burgo. CONCELLO DE PONTEVEDRA

O Concello vén de ampliar as prazas públicas de emprego que ofertará de cara ó 2020. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar unha ampliación da OPE, que se suma á que neste momento está en curso e que corresponde ao 2019. A voceira do Goberno local, Anabel Gulías explicou que esta ampliación se aproba "dada a situación do Concello, polo volume de traballo existente, e encadrada no mesmo marco de loitar contra a temporalidade" e permitirá avanzar "nunha Administración flexible e na vangarda para seguir traballando para asumir os retos deste mandato" en curso.

Así, ofertaranse seis prazas de administrativo, das cales tres corresponden a promoción interna, e tres por quenda libre. Das tres de quenda libre, unha delas será reservada para persoas con diversidade funcional. Ademais, inclúese nesta ampliación de oferta de emprego público sete prazas de auxiliar administrativo, todas de quenda libre e unha delas reservada para persoas con diversidade funcional. O Concello tamén engade unha praza de Traballadora Social. Esta praza fora creada no ano 2018 e ocupada por unha funcionaria interina. A inclusión desta praza na oferta de emprego de 2020 ten como finalidade que pase a ser ocupada por un ou unha funcionaria de carreira. A esta convocatoria prevista para 2020, hai que engadirlle as 16 prazas convocadas en 2019 e que actualmente están en curso e que son 12 de policía, dúas prazas de bombeiros, unha praza de técnico de Administración xeral e unha máis de subalterno do Pazo da Cultura.

PONTE SAMPAIO. A Xunta de Goberno aprobou conceder unha segunda prórroga á la UTE Imesapi-EC Casas, que está a construir o campo de fútbol de herba sintética de Ponte Sampaio. O motivo, apuntou Gulías, son as malas condicións meteorolóxicas. "Parece razoable". As obras, cuxo remate estaba previsto para setembro deste ano, terán un novo prazo de finalización: o 8 de abril de 2020.

Tráfico no Burgo. Sae a licitación a reordenación da Avenida da Coruña
Cun prazo de execución de 3 meses e un importe de 191.869,66 euros, a Xunta de Goberno local aprobou este luns o expediente de contratación da reordenación do tráfico na Avenida da Coruña. Así o anunciou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quen enmarcou este proxecto de reordenación "nunha obra máis ambiciosa", en referencia á reforma do tráfico do barrio do Burgo para adaptalo ao modelo de cidade. Neste sentido, a edil salientou que o obxectivo final da obra é "quitar os tráficos de paso e de axitación que se concentran nesta zona e que este barrio teña unhas condicións de vida de alta calidade urbana".

Cambios
A concelleira lembrou que o reordenamento de tráfico previsto implica , por unha banda, inverter o sentido de circulación da avenida da Coruña, que pasaría a ser de subida en todo o vial, polo que se fai preciso acometer a obra licitada para reacondicionar as beirarrúas, cambiar os colectores de lado e pequenas obras de reforma. Así mesmo, leva implícito a inversión do sentido de circulación do treito de Luis Otero que rodea o estadio de Pasarón, por detrás da bancada norte e por detrás da bancada de preferencia con saída cara a rotonda. Finalmente, con esta proposta se invirte o segundo treito da rúa da Santiña, a partires da rúa Valentín Paz Andrade, de xeito que quede de sentido único de saída.

Comentarios