O Concello contratará un traballador social para reforzar a área de Benestar

O proceso selectivo, que podería celebrarse "despois do verán", contará con cinco probas de coñecemento teórico-prácticas
Entrevista a Paloma Castro. Praza de España
photo_camera Entrevista a Paloma Castro. Praza de España. DP

O Concello de Pontevedra reforzará a área de Benestar Social cun novo traballador/a social  que se elixirá mediante o sistema de oposición libre. A convocatoria para cubrir esta vacante publicouse no Boletín Oficial del Estado o 6 de xuño, abrindo un prazo de 20 días naturais para que as persoas interesadas e que cumpran os requisitos —entre eles o de estar en posesión do título de diplomado en Traballo Social ou graduado nunha titulación equivalente da rama das Ciencias Sociais e Xurídicas— poidan presentar as súas solicitudes para participar no proceso selectivo.

Trátase dunha praza de nova creación dentro do Servizo de Benestar Social, recollida dentro do acordo acadado polo Goberno bipartito para a aprobación dos Orzamentos do Concello de Pontevedra do ano 2019. A concelleira responsable da área, a socialista Paloma Castro, agarda que as probas de coñecemento teórico-prácticas que acrediten a capacidade dos aspirantes poidan celebrarse "despois do verán".

A oposición constará de cinco partes. O primeiro exercicio, obrigatorio e eliminatorio, será un cuestionario tipo test de 60 preguntas. O segundo, tamén escrito e eliminatorio, consistirá en desenvolver, no prazo máximo de tres horas, catro temas incluídos no programa (con lectura ante o tribunal). O terceiro medirá o coñecemento do idioma galego. O cuarto, tamén eliminatorio, consistirá na redacción dun ou varios supostos prácticos relativos ás tarefas ou funcións propias dun traballador/ a social. O quinto, de carácter práctico, será unha proba de coñecemento a nivel usuario do contorno operativo Windows, o manexo de ferramentas de ofimática (LibreOffice) e de utilidades elementais de internet en dito contorno (navegación, correo electrónico, etc.).

A concelleira de Benestar Social considera que a creación desta praza “contribuirá a fortalecer a asistencia prestada por un servizo que conta actualmente con nove traballadoras sociais de zona (dúas delas asignadas ao barrio de Monte Porreiro); unha responsable de coordinación; unha traballadora do plan de inclusión; unha da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), e dúas adicadas a reforzar aquelas áreas nas que existe acumulación de tarefas”.

CRÍTICAS Á XUNTA. Nun comunicado, Castro amósase moi crítica co "pasotismo" e os "auténticos exercicios de escapismo e amnesia" que, ao seu xuízo, está a amosar a Xunta á hora de asumir as súas competencias en materia de servizos sociais e de atender os sectores máis vulnerables da sociedade. A concelleira demándalle ao Executivo popular que aumente o financiamento das prazas de traballadora social, “xa que se produciu un notable incremento da carga laboral e os concellos, ao seren a administración máis próxima ao cidadán, estamos a afrontar con recursos propios responsabilidades que son exclusivas do Goberno autonómico”.

Comentarios