O Concello cortará Raíña Vitoria para gañar espazo para o IES Sánchez Cantón

Mosquera anuncia que a medida, acordada coa comunidade educativa, estenderase a outros centros a condición de que sexa viable
vallas en calle reina victoria de prohibido aparcar
photo_camera Corte de tráfico en Raíña Vitoria para a instalación de atraccións nas Festas da Peregrina de 2016. ARQUIVO

O Concello de Pontevedra cortará Raíña Vitoria para gañar espazo para o IES Sánchez Cantón. Así o anunciou este sábado en rolda de prensa o concelleiro de Ordenación Xeral da Mobilidade, Cesáreo Mosquera, que anunciou que a medida estará operativa para o inicio do curso en Secundaria, previsto para o vindeiro mércores. O obxectivo é que o alumnado poida utilizar esta zona para o tempo do recreo e para outras actividades que se estimen oportunas. 

O edil nacionalista, que compareceu xunto ao edil de Obras, Demetrio Gómez Junquera, explicou que a iniciativa municipal foi ben acollida pola comunidade educativa. Conta co visto e prace da dirección do Sánchez Cantón e da FANPA.

O tramo que quedará inoperativo será o mesmo que tradicionalmente utilizan as atraccións de feira nas Festas da Peregrina. A única diferenza é que o acceso á vía non estará interrompido por valos, senón por bolardos. O paso por Palamios e o acceso ao único garaxe do lugar estarán garantidos.

O corte de Raíña Vitoria, que será "permanente e indefinido", servirá como proba para a futura reforma urbana proxectada polo Concello nesta rúa. A pesar desta situación, Mosquera desvinculou unha medida da outra. 

Mosquera anunciou tamén que o Concello, dentro das súas competencias no espazo público municipal, estenderá esta iniciativa a outros centros educativos do municipio a condición de que sexa viable en termos de tráfico e mobilidade.

Comentarios