O concelleiro de Xestión de residuos urbanos do Concello de Pontevedra, Raimundo González, acusou ao PP de exercer unha "oposición virulenta e enfermiza" contra o modelo de compostaxe municipal que propón o goberno da capital provincial.
González saíu ao paso das declaracións do portavoz do PP, Rafa Domínguez, que nas últimas horas sementaba dúbidas sobre a viabilidade da planta de compostaxe proxectada en terreos da Canicouva.
O concelleiro sinalou que este rexeitamento á aposta pola compostaxe limítase ao PP local "e fundamentalmente o señor Domínguez" cando a lexislación europea, a do Estado e a da Xunta de Galicia impoñen este tratamento dos biorresiduos.
O modelo impulsado polo Concello de Pontevedra está baseado no compostaxe e no tratamento a quilómetro cero dos biorresiduos municipais. Para iso apóiase en tres alicerces: os composteros individuais, os comunitarios e a planta de compostaxe.
Raimundo González recordou que o portavoz local do PP opúxose a cada un destes tres alicerces, "fixo campañas polas parroquias" contra a compostaxe individual, e subiuse encima dun centro dunha compostaxe comunitaria "cun pico na man para poder derrubalo dicindo textualmente que: cando eu goberne isto eliminarase".
"Con respecto á planta de compostaxe o comportamento aínda é máis enfermizo", valorou Raimundo González, xa que chegou a presentar unha denuncia xudicial polo aluguer dos terreos no monte da Canicouva "dicindo unha sarta de barbaridades".
O concelleiro nacionalista destacou que "antes de alugar os terreos" encargáronse informes técnicos que "avalan" a viabilidade de construír ese tipo de instalación nese espazo, sen existir problemas polo desnivel do terreo nin por falta de accesos.
Ademais, aclarou que o futuro contrato de concesión do servizo municipal de lixo inclúe unha "cláusula de salvagarda" ante a posibilidade de que non se poida construír a planta por cuestións alleas ao consistorio.
"Porque tamén necesitamos permisos externos e non vaia a selo demo", apuntou o concelleiro de Xestión de residuos urbanos, "pode ser que se atasque un permiso autonómico e ante iso o concello pouco ten que facer", comentou González Carballo.
Para rematar, puntualizou que o concello ten alugadas dez hectáreas de terreo, cando a planta non ocupará máis dunha, porque o goberno local quere "que esa contorna sexa un ecoparque" no que recibir visitas escolares, habilitar unha aula destinada á sensibilización ambiental, con elementos de xogo como tirolinas e plantación de distintas especies de árbores.
Un proxecto "absolutamente respectuoso co medio ambiente" que, segundo Raimundo González "compleméntase" coa planta proxectada por Sogama en Vilanova de Arousa.