O Concello estuda crear máis parkings en Monte Porreiro

Gómez ratifica o parón á peonalización, aínda que se farán melloras
undefined
photo_camera Asamblea de veciños este xoves pola tarde en Monte Porreiro. RAFA FARIÑA

O Concello estuda crear máis aparcadoiros en Monte Porreiro, como demandan os veciños. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez Junquera, confirmou este xoves que o seu departamento valora a posibilidade de habilitar un parking gratuíto nas proximidades da Rúa Reino Unido.

A actuación enmárcase dentro do paquete de melloras previstas para o barrio, como o arranxo de beirarrúas, reasfaltado de rúas ou o abastecemento para tres edificios da rúa Cambria que carecen deste servizo.

O edil nacionalista ratificou a paralización do proxecto de peonalización dun tramo da Rúa Alemaña, que a veciñanza rexeita de forma masiva, e recordou que agora se abre "un tempo de reflexión" para analizar que actuacións hai que executar en Monte Porreiro.

Este período, ao que non puxo data, servirá para detallar as intervencións que precisa o barrio, que está pendente dunha humanización integral que a Xunta anunciou en 2008 e non chegou a desenvolver. O Concello tampouco recolleu a testemuña.

A Asociación O Mirador, con quen este xoves mantivo un encontro na sede municipal de Michelena, reclama que non se perda o preto dun millón de euros comprometido para a peonalización. Polo momento, non haberá partidas para o Orzamento de 2022 para grandes obras no barrio.

Os veciños convocados este xoves polo Mirador reuníronse en asemblea para valorar o encontro con Gómez. Os acordos que se adopten faranse públicos este venres.

Tensa reunión no Mirador 
De alta tensión. Así foi a reunión que mantiveron este xoves o concelleiro de Obras e membros da Asociación de Veciños O Mirador. O seu presidente, Carlos Diéguez, confirmou que o encontro "foi quente". O colectivo criticou duramente a Gómez a través das redes sociais. "A ninguén lle gusta que ou insulten, pero a asociación é libre de actuar como considere", valorou este xoves o edil tras o encontro con Michelena 30, no que participou o histórico líder veciñal Ángel Mario Lago, membro da lista electoral do PSOE. 

Comentarios