O Concello de Pontevedra inicia o proceso para rescindir con Nexia o contrato de Lourizán

Activa tamén os trámites para sancionar a empresa por incumprimento. As obras están executadas a un 30%

Vial de Lourizán pendiente de rehabilitación. DP
photo_camera Instalacións de Nexia en Marcón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello de Pontevedra iniciou este mércores o proceso para sancionar e rescindir o contrato adxudicado á empresa Nexia Infraestruturas por incumprimento na execución de obras na parroquia de Lourizán, consistentes na canalización de servizos e pavimentación da estrada en Rorís, Meán e O Outeiro. É unha das consecuencias da crise da empresa, cunhas débedas que, segundo os acredores, ascenden a 8,5 millóns de euros.

A obra en cuestión implicaba instalar o saneamento e a auga potable, mellorar a accesibilidade e repoñer o firme nun tramo dun quilómetro, traballos cun orzamento de 184.809 euros. A raíz do incumprimento, o Concello tamén activa agora o expediente de proposta de prohibición de contratación coas administracións.

Así as cousas, a administración local asegura que os servizos técnicos municipais e xurídicos están a estudar "como resolver as malas condicións nas que a empresa deixou as vías", xa que —asegura— a obra está executada a un 30%. Sinala que o concelleiro do rural, Alberto Oubiña, deu ordes para buscar unha solución "o máis rápido posible, aínda que sexa provisional", e sacar despois a contratación a finalización de toda a obra. 

Tamén a Deputación de Pontevedra avanzou este martes que revisará os contratos de Nexia.

Comentarios