sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

O Concello inicia a semana que vén a mellora da Praza de Santa Teresa de Jesús

Vista da praza. DP
Vista da praza. DP
A obra custará preto de 15.000 euros e prevé a renovación de xardíns, a reparación do mobiliario e do pavimento, que terá pintura antideslizante

O Concello iniciará a semana que vén os traballos de humanización e renovación paisaxística da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet, situada no barrio da Parda. A actuación, contratada á firma Jara Jardinería Calvarro SL, terá un custe de 14.981,74 euros e traducirase nunha mellora e acondicionamento integral dos espazos públicos neste barrio.

O concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, explicou onte a través dun comunicado de prensa que os obxectivos deste proxecto pasan por "optimizar as condicións de confort da zona mediante a renovación do mobiliario existente, levar a cabo unha renovación completa dos xardíns que rodean a praza e dotalos dun sistema de rega por goteo que permita mantelos en perfecto estado cun aforro no emprego de auga".

As obras contemplan un novo axardinamento coa incorporación dunha composición de especies arbustivas e tapizantes cunha variada gama de flores de diferentes cores ao longo das catro estacións. Tódolos parterres contarán cunha malla antiherbas coa finalidade de reducir e facilitar as labores de mantemento das zonas verdes.

O novo axardinamento incluirá unha ducia de tipoloxías de arbustos, flores e plantas

Asemade, tal e como sinala o edil socialista, "respectarase o estrato arbóreo dos xardíns e potenciarase coa incorporación dalgunha árbore singular". "No que atinxe á praza en si, realizaremos unha mellora do mobiliario, así como do aspecto xeral da mesma mediante o pintado en varias cores de gamas harmónicas, cunha pintura antideslizante acaída para pavimentos", subliñou. Os traballos terán un prazo máximo dun mes, polo que estarán rematados a finais de setembro.

O proxecto coordinado dende o servizo municipal de Parques e Xardíns prevé ademais a reparación de cinco bancos e dúas cadeiras, a reposición do pavimento, a instalación dunha tubería de polietileno e dunha mangueira de goteo e a súa conexión á rede. Entre as flores, arbustos e plantas que se empregarán no axardinamento figuran unha ducia de tipoloxías: dende agapanos e hedras ata buxos xaponeses e azaleas.

O Concello inicia a semana que vén a mellora da Praza de Santa...
Comentarios