O Concello iniciará a repartición de composteros en Salcedo o vindeiro luns

O despregamento de unidades para biorresiduos chega ao 50% das casas de Tomeza. Ata un 7% das vivendas rexeitou os recipientes. O uso intensivo dos composteros urbanos obrigará ao Goberno local a ampliar a rede nos barrios para que os veciños poidan reciclar
Imagen de este viernes del compostero comunitario de Valdecorvos casi lleno. DAVID FREIRE
photo_camera Imaxe deste venres do compostero comunitario de Valdecorvos case cheo. DAVID FREIRE

O Concello iniciará a semana que vén unha nova fase do seu plan de lixos. Farao coa repartición de novos composteros individuais no rural. Se o pasado mes de setembro empezouse a distribución destas unidades en Tomeza, a partir do luns que vén tocaralle a quenda a Salcedo. Debido ao tamaño da parroquia, o despregamento destes recipientes para reciclar restos de comida farase en varias quendas. En paralelo, o Goberno local impulsará charlas informativas para explicar o sistema aos veciños.

O concelleiro do Rural, Alberto Oubiña, explicou este venres que a repartición de composteros en Tomeza, que é unha "parroquia en situación de probas", "é moi positivo". O edil nacionalista asegurou que a repartición destes recipientes chegou ao 50% das vivendas desta zona e que entre o 6 e o 7% das casas rexeitaron estas unidades para reciclar biorresiduos.

O uso deste sistema por parte dos cidadáns é voluntario. O Concello deberá dotarse aínda dunha normativa, a vinculada ao futuro contrato dos lixos, para impor a obrigatoriedade da compostaxe. En teoría, a partir de xuño de 2021, o proxecto podería estar en marcha a través da nova concesión dos lixos.

COMO FUNCIONA

Os veciños que reciben o compostero deben asinar un documento co compromiso con este sistema no momento de recibir a súa unidade, que inclúe o kit preciso para a súa utilización. Días despois, técnicos de Fruga, que é a empresa que se encarga do despregamento de composteros, regresarán ao seu domicilio para explicar ou refrescar como se monta o recipiente, onde debe estar situado e como se usa. O proceso de acompañamento terá unha duración de dous anos.

A compra dos 8.000 composteros individuais custoulle ao Concello 464.640 euros. No contrato asinado con Fruga, no que intermedió a Deputación, que ten en marcha un plan provincial para promover a compostaxe, denominado Revitaliza, inclúense o control das vivendas unidas ao plan e un servizo para resolver posibles dúbidas durante o proceso de reciclaxe do lixo orgánico.

NOVAS CHARLAS

En paralelo ao despregamento de composteros en Salcedo, o Concello levará a cabo novas charlas informativas.

O luns que vén están convocados os veciños de Igrexa e Xistro, na Casa Verde; o día 22 tocaralle a quenda aos residentes en Cabanas, no local social deste núcleo; o 22 de outubro organizarase para a veciñanza de Matalobos, Ponche do Couto e Carballo do Pazo, na Casa Verde; o xoves 24 estarán chamados os residentes de San Brais, A Ruibal e A Almuíña, na Casa Verde, e o venres 25 os da Carballeira, no local de Cabanas. Todas as sesións empezarán ás 20.15 horas.

URBANO

O uso intensivo dos composteros comunitarios obrigará ao Concello a ampliar é rede nos barrios da cidade. Moitas destas unidades atopábanse case cheas ao longo desta semana, como ocorreu na instalada recentemente en Valdecorvos.

Estas illas de reciclaxe de restos de comida están controladas de forma periódica por mestres composteros formados pola Deputación. A súa tarefa supervisar que estas instalacións se usan de forma correcta.

Pontevedra conta con 14 composteros comunitarios
Pontevedra dispón de 14 composteros comunitarios en distintos puntos do territorio. Os primeiros instaláronse no barrio de Monte Porreiro, que conta con illas nas rúas Alemaña, Italia e na Praza de Europa. A Facultade de Cienciais Sociais, Eduardo Pondal, Sae Brais (Salcedo), Camiño de Ferro, Ponche Boleira, A Parda e Valdecorvos tamén teñen este tipo de colectores de reciclaxe de restos de comida.

Comentarios