O Concello instalará máis composteiros na contorna de Eduardo Pondal tras o "éxito" do primeiro

O centro instalado na rúa pontevedresa encheuse en catro días, cando as previsións indicaban que tardaría quince ►Unhas 150 familias, e non as 44 que asinaron o compromiso, fixeron uso deste servizo

Imaxe do interior do composteiro situado en Eduardo Pondal. CONCELLO
photo_camera Imaxe do interior do composteiro situado en Eduardo Pondal. CONCELLO

O Concello de Pontevedra ten prevista a instalación de dous ou tres novos composteiros na contorna de Eduardo Pondal, O Gorgullón e Avenida de Vigo tras o "éxito" rexistrado no primeiro centro de composta urbano.

A concelleira de Servizos, Carme da Silva, informou este luns que o uso deste servizo no composteiro localizado no cruzamento das rúas Teixoeira e Eduardo Pondal e, en menor medida, no do barrio de San Brais, superou con moito as previsións.

No caso de Eduardo Pondal, o centro de compostaxe abriuse co compromiso asinado de uso de 44 familias da zona pero, tras cinco días de funcionamento, as mestras composteiras acreditan que está a ser utilizado por arredor dunhas 150 familias, "o que proba o interese da veciñanza do barrio e derredor polo sistema alternativo de recollida e tratamento de residuos orgánicos que está a por en marcha o Concello de Pontevedra", especificou Da Silva.

"Encheuse por completo nos primeiros catro días, cando as previsións son de 15", explicou a concelleira, quen ten claro que estamos "diante dun dato que avala o interese pola compostaxe e o medio ambiente".

ÉXITO DO SERVIZO. As mestras composteiras que fan o seguimento diario, e informan a pé de instalación sobre a compostaxe e o uso correcto dos composteiros, sinalan que os veciños están a facer unha correcta selección e utilización do centro de composta, que lles piden novos composteiros e que moita xente que se achega co seu lixo orgánico son de fóra da contorna da instalación. 

Por esta implicación que destaca Da Silva, o Concello decidiu instalar "dous ou tres composteiros máis" no eixo Eduardo Pondal-O Gorgullón-Avenida de Vigo e contorna.

Pola súa banda en San Brais o composteiro comunitario púxose en funcionamento o pasado luns. Aínda que nunha primeira valoración falouse dun centro de seis módulos, ao final instalouse un de 10, o que "se demostrou un acerto", segundo o Concello, posto que xa houbo que repoñer o estruturante –a pesar de que non está cheo na súa totalidade–.

Comentarios