Nace a marca 'Pontevedra Capital Gastro' para impulsar o turismo gastronómico

Trece cociñeiros locais formarán parte dun comité de expertos que marcarán a folla de ruta do proxecto, que inclúe a organización dunha festa co marisco de cuncha de protagonista, outra de receitas tradicionais, entre outros eventos
Presentación de la marca Pontevedra Capital Gastro. DP
photo_camera Presentación da marca Pontevedra Capital Gastro. DP

A Concellería de Promoción Económica e Turismo presentou este venres a marca 'Pontevedra Capital Gastro', coa que pretende impulsar os sectores turístico e hostaleiro e á industria de alimentación, visibilizar o prestixio e a calidade dos produtos locais e dotar aos negocios da Boa Vila dunha nova ferramenta de venda. O proxecto, desenvolvido en colaboración con Carta Blanca e a plataforma #PonteLovers, inclúe a posta en marcha da Mesa da Gastronomía, un comité de expertos locais que trazarán a folla de ruta da marca. Ademais, contempla a creación da Banda Cociñas de Pontevedra, composta por cociñeiros pontevedreses que defenderán e representarán á gastronomía da cidade en diversos gastroeventos.

Asímismo, a iniciativa comprende a organización do Foro Hospitality Eixo Atlántico; a activación dunha aceleradora e incubadora de iniciativas denominada Capital GastroLab, e a celebración de tres grandes eventos gastronómicos: a Festa das Cunchas 2021, o Avoa Fest e a I edición dos encontros 'Mestizaxes, cociñas de ida e volta'.

Baixo o selo A cidade cómese, o proxecto foi presentado este venres nun acto conducido pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, arroupada polo tenente de alcalde, Tino Fernández; os edís Iván Puentes e Marcos Rey; os responsables de Carta Blanca, Elena Vitoria, Marga Pazos e Tomás Torres; e os cociñeiros do equipo de elite da Banda Cociñas de Pontevedra, aos que foi chamando un a un: Marta Santiago, da Fervella; Adrián Redondo, de Alcrique; Pablo Romero, de Bagos; Carlos Barreira, de Bocarte; Carmen Canabal, de Causa Street Food; Rubén González Vallejo, do Cafetín; Vicente Tortajada, da Culpa da Gula; Marcos Romero, de Mar de Fóra; Marta García, de Meigas Fóra; Iñaki Bretal, do Eirado da Leña; Sergio Roma, do Souto, e Toño Mora e Andrés Muñoz, de Padal da Santiña.

"A Banda Cociñas de Pontevedra está conformada por cociñeiros e cociñeiras da cidade que teñen en común ser propietarios dos seus establecementos hostaleiros e levar adiante un traballo baixo criterios de profesionalidade e calidade recoñecidos”. “O obxectivo é que se convertan en embaixadores da marca da gastronomía local, Pontevedra Capital Gastro, e que fomenten a unión e as boas prácticas no sector simplemente a través dun traballo ben feito. Tan importantes son e serán os vosos nomes como os dos vosos restaurantes", explicou Blanco, que aspira a situar a capital da provincia e das Rías Baixas "como epicentro e capital da gastronomía autonómica, estatal e, por que non, internacional".

"Aínda que as circunstancias actuais non son as máis favorables para o turismo a creación da marca é imprescindible nestes momentos para reimpulsar a economía local e, nos vindeiros anos, cando saiamos deste túnel, para converter Pontevedra en referente do turismo gastronómico. Queremos manter uns valores de solidez, buscando a calidade, o control, a formación e a mellora continuas; achegando responsabilidade; promovendo a economía circular e a sostibilidade; dando recoñecemento aos nosos recursos naturais, aos produtos Km 0 e ao autóctono, ás nosas tradicións e historia", engadiu a concelleira.

O comité de expertos reunirase dúas veces ao ano para "marcar a folla de ruta e darlle soporte profesional, académico e teórico á marca Pontevedra Capital Gastro".

A Festa das Cunchas celebrarase entre o 17 e o 27 de xuño e terá como protagonistas os mariscos de cuncha: berberechos, ameixas, escupiñas, navallas, zamburiñas, vieiras, ostróns e mexillóns.

Do 22 de xullo ao 1 de agosto terá lugar o Avoa Fest, "unha festa para a cidadanía, coa que se pretende recuperar o patrimonio gastronómico de Pontevedra a través da herdanza das receitas familiares, nunha homenaxe a tódalas mulleres que gardaron esta memoria culinaria cos seus receitarios: as avoas".

Xa en setembro, entre os días 20 e 24, desenvolverase a primeira edición de Mestizaxes, cociñas de ida e volta, na que cada xornada acollerá un encontro no que un chef da Banda Cociñas de Pontevedra entrevistará a outro que marchou e retornou e trouxo sabores que mesturou cos propios.

A celebración do Foro Hospitality Eixo Atlántico en outubro, con conferencias e mesas redondas, e a creación do Capital GastroLab, cun comité de expertos e unha aceleradora/incubadora de proxectos porán a guinda a este 2021 de lanzamento da marca ‘Pontevedra Capital Gastro'.

Comentarios