O Concello e o Ministerio de Mobilidade avanzan na nova Axenda Urbana

Foi unha xuntanza na que se abordaron a mellora da calidade do aire, o estado do ciclo da auga ou a cohesión e inclusión social
Miguel Anxo Fernández Lores, en rueda de prensa. RAFA FARIÑA
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. RAFA FARIÑA

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este venres unha xuntanza de traballo coa subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Ángela de la Cruz, e na que tamén participaron os concelleiros Anabel Gulías, Demetrio Gómez e Xaquín Moreda.

O obxectivo do encontro foi coñecer de primeira man as liñas do Ministerio encamiñadas a conseguir os obxectivos marcados pola Axenda 2030 e máis polas axendas urbanas internacionais. Ademais, o alcalde puxo a disposición do Ministerio todo o traballo realizado en Pontevedra a respecto dos parámetros que se contemplan na axenda urbana, con datos que cuantifiquen todo o avanzado en materia de crecemento urbano sostible e calidade de vida.

Así, o Goberno municipal enviará ao estatal un documento no que se recolle tanto o traballo realizado como as previsións a curto prazo en materias relativas á mellora da calidade do aire, estado do ciclo da auga, cohesión social e inclusión social, medio ambiente e residuos urbanos. A partires deste documento, desde o Ministerio elaborarase un protocolo de colaboración entre ambas Administracións para compartir o proceso de cara a acadar os obxectivos contemplados na Axenda 2030 .

O alcalde tamén lle trasladou á subdirectora de xeral de Políticas Urbanas a súa preocupación porque os criterios de acceso aos fondos públicos non contemplen parámetros que vaian encamiñados a conseguir unha mobilidade sostible integrada que se fundamente na redución de tráficos innecesarios e gañando espazos para as persoas. O alcalde trasladou esta apreciación en referencia ao excesivo peso que se lle está dando á introdución do vehículo eléctrico por entender que «o cambio dun tipo de vehículo por outro non resolve realmente os problemas de mobilidade urbana».

Comentarios