O Concello organiza sesións de exercicio ao aire libre e con medidas de seguridade

A iniciativa, impulsada pola Concellería de Deportes, comezará este sábado na Praza de Marqués de Valterra
2020091615165972029
photo_camera Persoas facendo deporte antes de que a máscara fose obrigatoria. RAFA FARIÑA

O Concello de Pontevedra porá en marcha este fin de semana un programa para fomentar a práctica de deporte entre os seus veciños. A iniciativa, que leva por nome Saúde na Rúa, estrearase este sábado na pista deportiva da Praza de Marqués de Valterra, en Estribela, en horario de 12.00 a 14.00 horas, "en grupos moi reducidos e mantendo os máis estritos protocolos de seguridade".

O proxecto promovido polo concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, está pensada para veciños de todas as idades e estados de forma. E o seu obxectivo é que estas sesións de exercicio ao aire libre teñan continuidade.

A programación prevé que as clases se desenvolvan inicialmente durante catro fins de semana. A Estribela seguiranlle o barrio de Monte Porreiro e as parroquias de Ponte Sampaio e Santa María de Xeve. "Se a cousa funciona e a xente se anima seguiremos levando o plan Saúde na Rúa por outros lugares do municipio", explica Fernández.

As clases desenvolveranse inicialmente durante catro fins de semana

O concelleiro socialista asegura que esta iniciativa, que se realizará en colaboración co colectivo Fai Deporte, "ten un carácter inclusivo e está pensado para que poida participar todo o mundo".

A actividade física estará acompañada de música e integrará distintas disciplinas, como ximnasia de mantemento, pilates, zumba ou aeróbic. "A idea é ir retomando pouco a pouco a actividade física e que a xente que se apunte poida probar un pouco de todo e realizar un deporte saudable, sen que as limitacións físicas de estar sen facer exercicio durante moito tempo impidan a súa participación", destacou Fernández.

Aínda que o programa municipal estaba pensado para grupos de 25 persoas, as restricións sanitarias obrigan a reducilos a dez participantes. No caso de que chova, as sesións serán aprazadas. En todas elas tomarase a temperatura aos usuarios. Tamén haberá dispoñible xel hidroalcohólico por razóns de seguridade.

Os interesados en anotarse a Saúde na Rúa poden facelo por teléfono (no 672 63 23 60) ou no correo saudenarua20@gmail.com.

Comentarios