O Concello organizará visitas para que os veciños coñezan Santa Clara

Lores confirma que se adecentará "todo o espazo público" tras un simbólico acto de reapertura do recinto, que estrea placa conmemorativa

IMPORTANTE 12 30 horas El alcalde concejales y medios visitan el Convento de Santa Clara Una vez que ya es municipal
photo_camera Lores abrindo este mércores a porta de Santa Clara. GONZALO GARCÍA

O Concello de Pontevedra organizará visitas para que os veciños coñezan o convento de Santa Clara dentro. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou este mércores —cando a administración local formalizou a compra do convento— que a primeira acción da programación será un pase para os 25 membros da Corporación municipal, formada por once edís do BNG, nove do PP, catro do PSOE e o concelleiro non adscrito. 

A apertura ao resto do público aínda é unha incógnita, que o rexedor nacionalista preferiu non adiantar tras ser preguntado pola prensa. "Esta semana vai haber cousas e tamén a seguinte", avanzou. "Despois daremos máis pasos, como o adecentamento de todo o espazo público no prazo máis curto posible para que poida ser visitado polos cidadáns", engadiu. 

A deste mércores foi a segunda visita que se organiza ao cenobio tras o seu peche en setembro de 2017, aínda que a primeira desde que se convertese nun ben municipal. O acto de toma "de posesión" estaba reservado para os medios, que asistiron á apertura simbólica de Santa Clara, que estrea placa conmemorativa no seu exterior. Nela pode lerse: "O 1 de decembro de 2021 o Concello de Pontevedra incorpora ao uso público este convento de Santa Clara". 

As clarisas esperan que o convento "poida ser rehabilitado e posto ao servizo da moi amada cidade". Para iso deberán abrirse negociacións con outras administracións. Dáse por feito que o Concello cederá á Deputación as edificacións de Santa Clara, que pasarán a integrarse no Museo. Será entón, e previos estudos técnicos, cando se decida se se trasladará alí a sede arqueolóxica provincial. Por outra banda, o Goberno local mellorará os xardíns e precisará a autorización de Patrimonio para abrir un acceso polo muro.

Algúns anos clave na historia de Santa Clara
1271. Fúndase o convento de Santa Clara e a súa creación asóciase á doazón e Dona Mayor Pérez, nobre pontevedresa que era esposa de Fernán Núñez de Aldán. O complexo sitúase fóra das murallas da cidade. 

1362. O recinto amplíase. E faino coa construción da súa igrexa. A obra finaliza anos máis tarde, en 1510. Expertos como Juan Manuel Monterros, catedrático en Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela, sitúan a cabeceira desta igrexa gótica como a mellor conservada de Galicia. 

1994. A Xunta inclúe Santa Clara dentro do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, un inventario que define o valor e o grao de protección do convento. 

2009. Iníciase o proceso administrativo para declarar Santa Clara Ben de Interese Cultural (BIC), a figura de protección patrimonial máxima en Galicia. O procedemento segue sen concluírse doce anos despois. En Pontevedra hai 20 bens declarados BIC. O primeiro deles foron as Ruínas de San Domingos (1895) e o último o santuario da Peregrina (2011). 

2017. A Orde das Clarisas pecha Santa Clara tras o traslado dos seus dúas últimas monxas de clausura: Sor Sagrario, que faleceu en 2019, e Sor Purificación. 

2020. O Concello inicia a negociación para comprar Santa Clara. 

2021. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asina a compra do convento coa abadesa de Santa Clara.

Comentarios