O Concello pecha a fichaxe de tres novos directores xerais

Daniel Macenlle ocupará a carteira de Protección Cidadá, José Manuel González Abal a de Recursos Humanos e Jesús Gómez Viñas a de Mobilidade
Macenlle, Viñas y González Abal. ARCHIVO
photo_camera Macenlle, Gómez Viñas e González Abal. ARQUIVO

O Concello de Pontevedra acaba de pechar a fichaxe de tres novos directores xerais. Así o confirmou este luns en rolda de prensa a portavoz municipal, Anabel Gulías, que destacou que todas as incorporacións son de funcionarios "da casa". 

O ata agora intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, pasará a dirixir a carteira de Protección Cidadá. Baixo o seu mando non só estará o corpo policial, senón tamén o resto do persoal das urxencias municipais, isto é, Protección Civil e Bombeiros.

José Manuel González Abal, número dous no escalafón da Policía Local polo seu posto como intendente, ocupará o departamento de Recursos Humanos. A súa principal función é a de negociar co persoal do Concello. Entre os seus labores estará o tratar de desbloquear o conflito salarial co persoal, especialmente co sector dos policías locais; impulsar novas oposicións para incrementar o número de traballadores, que na actualidade supera os 500, ou a reorganización dos servizos, que deberán adaptarse á denominada administración electrónica.

A terceira Dirección Xeral, a de Mobilidade, ocuparaa Jesús Gómez Viñas, que é o actual enxeñeiro xefe da Oficina Técnica de Medio Ambiente e Infraestruturas. Entre as súas atribucións figura o posicionamento internacional do modelo urbano ou o impulso de obras e proxectos no municipio.

Macenlle, Abal e Gómez Viñas tomarán posesión dos seus cargos a partir deste martes. Uniranse ao seu compañeiro Xosé Manuel Tato, que ocupa Dirección Xeral de Urbanismo. Todos eles, funcionarios do grupo A1, manterán tamén reunións co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e cos edís responsables das áreas que dirixen. Todas eles do BNG. A pesar de que o PSOE non conta con ningunha dirección xeral, a portavoz do Concello recordou que non se descarta a fichaxe de novos cargos deste tipo ao longo do presente mandato.

Gulías asegurou, por outra banda, que o salario dos novos directores xerais será de 56.935,61 euros, unha contía na que non figura a antigüidade. As contías figuran no Orzamento municipal en vigor, polo que a reserva de fondos está garantida. Tamén se referiu ao feito de que todos os directores xerais sexan homes. "Lamentablemente non hai ningunha muller. Aceptamos a crítica. Pero cómpre lembrar que dúas dás tres áreas que contarán con novas direccións xerais están encabezadas por mulleres", dixo en referencia ás súas compañeiras Eva Villaverde e Carmen Fouces, que ocupan as Concellerías de Protección Cidadá e Persoal, respectivamente.

O reforzo técnico do persoal municipal, que Gulías defendeu para que "a Administración local funcione mellor", obrigará a reorganizar varios departamentos. Os cambios máis importantes produciranse na Policía Local, que terá novo xefe. Este martes, o Goberno local nomeará un responsable provisional ata que se peche o proceso para cubrir as vacantes que deixan Macenlle e Abal. Para este posto soan dous nomes: Ángel Ruibal e José Duarte.

Comentarios