lunes. 22.07.2019 |
El tiempo
lunes. 22.07.2019
El tiempo

O Concello pide á Xunta que urbanice as zonas máis próximas ao colexio de Campañó

A entrada ao CEIP de Parada, na parroquia de Campañó. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A entrada ao CEIP de Parada, na parroquia de Campañó. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Mosquera faise eco da preocupación veciñal pola proximidade da futura variante de Alba co centro educativo de Parada

O Concello pedirá á Xunta a humanización da contorna máis próxima ao colexio de Campañó. Así o avanzou este mércores o concelleiro de Infraestruturas, Cesáreo Mosquera, tras facerse eco da preocupación veciñal pola a proximidade da futura variante de Alba o CEIP de Parada.

Vecinos da zona consideran que se debe mellorar a seguridade nos accesos ao centro educativo, o único que hai na parroquia. "Pedirán que se urbanice a estrada de Vilagarcía e non se cargue tanto tráfico nesta zona", indicou Mosquera tras falar con afectados.

O edil nacionalista mostrouse moderadamente satisfeito polo impulso que a Consellería de Infraestruturas deu á variante, cuxo deseño se elixiu entre dez alternativas posibles. Ningún deles é polo que apostou Pontevedra, que reclamaba un trazado máis afastado da cidade que o previsto polos técnicos autonómicos.

Mosquera asegurou que o "positivo" do proxecto é que o Goberno galego "está por fin disposto a eliminar o problema (de seguridade viaria) na estrada PO-225", que actualmente conecta a estrada de Vilagarcía (PO-531) coa de Santiago (N-550). O "negativo" da actuación é a súa demora no tempo. "Isto vén do ano 2004", afirmou.

O concelleiro de Infraestruturas recoñeceu, por outra banda, que a selección do deseño da variante de Alba, que terá 992 metros entre os núcleos do Freixo e Parada de Abaixo, en Campañó, e o da Cendona, na parroquia de Lérez, viuse "comprometido" pola negociación co Goberno central. "Fomento negouse a permitir outro enlace coa N-550. A Xunta aquí veuse nunha difícil tesitura. E todos sabemos que bater con Estradas é un óso duro de roer", sinalou.

O trazado da autovía iniciou o trámite de exposición pública. Os afectados disporán ata o próximo 7 de agosto para presentar alegacións. "Imos miralo. Hai que mirar o proxecto nos seus detalles, porque afecta a viario municipal", avanzou Mosquera.

A Asociación de Veciños de Santo Paio celebrarán unha asemblea o próximo 3 de xullo no local da Cultural, en Campañó, para "discutir medidas a adoptar".

O orzamento da variante de Alba superará os 8,2 millóns de euros. Deles, 383.838,01 euros destinaranse ao pago de expropiacións. En total prevense ocupar 46.510 metros cadrados de terreos distribuídos en 128 parcelas.

A maior parte das propiedades son zonas de monte, viñas e outro tipo de leiras. Na relación de bens afectados tamén figura unha edificación agrícola de 54 metros cadrados e un pozo. Non haberá vivendas afectadas.

O resto do diñeiro da variante, 7.858.569,72 euros, utilizarase na licitación da obra, que comezará a principios de 2020.

A futura variante de Alba terá 992 de lonxitude, un trazado sen apenas curvas e un viaduto de 265 metros que salvará a autoestrada, as vías do tren e o curso do río Gándara. A infraestrutura está pensada como unha autovía, polo que terá unha limitación de 100 quilómetros por hora.

Mosquera ve que a velocidade "parece excesiva para un quilómetro" de vía. "Pero non será o maior problema", di sobre a posibilidade de establecer outros límites cambiando a sinalización.

O Concello pide á Xunta que urbanice as zonas máis próximas ao...
Comentarios