O Concello pon en marcha obradoiros para educar en valores a través de terapia asistida por cans

Os talleres, impartidos pola firma Yaracan, darán comezo o xoves na Casa Azul cun grupo de nenas e nenos do colexio das Doroteas e continuarán nos CEIP Santo André de Xeve e Ponte Sampaio
Imagen de archivo de un perro
photo_camera Imagen de archivo de un perro

Educar en valores ao alumnado de Primaria dos colexios de Pontevedra a través de dinámicas de traballo e xogo asistidas por cans é o principal obxectivo do programa de obradoiros que a Concellería de Benestar Animal porá en marcha este xoves na Casa Azul cun grupo de nenas e nenos do colexio das Doroteas.

Os talleres, impartidos por persoal da empresa viguesa Yaracan, especializada en terapias con animais, terán continuidade o día 14 de xaneiro no CEIP Santo André de Xeve e, posteriormente (en data aínda por confirmar), no CEIP Ponte Sampaio.

A socialista Paloma Castro, edil de Benestar Animal, explica que os obradoiros están pensados para un máximo de 75 alumnos por centro educativo, estando prevista a participación de “outros dous colexios máis” na iniciativa (a cifra total de asistencia superará os 350 rapaces).

Tal e como avanza a concelleira do PSOE, os talleres iniciaranse cunha charla grupal “na que se aclararán as normas de comportamento, farase a presentación dos cans e das súas características e exporase brevemente o labor que realizan en Yaracan”. A continuación, introducirase a temática dos valores, poñendo o exemplo dos cans e xerando o efecto espello a través deles.

“Os mestres dos obradoiros organizarán aos alumnos en grupos que levarán os nomes dos cans, traballando arredor dos animais e buscando contacto e proximidade para ter unha charla distendida. En cada grupo cultivarase un valor determinado: solidariedade, traballo en equipa, respecto… Ao finalizar a actividade, entregarase un exemplar do libro de Yaracan ‘O can que non sabía dicir guau e os seus amigos do bosque’, onde se recollen tódolos valores tratados nos talleres”, sinala Paloma Castro.

Comentarios