O Concello de Pontevedra acomete a limpeza dos dous espazos arqueolóxicos da cidade

Trátase de traballos manuais nas estruturas arqueolóxicas da praza de Valentín García Escudero e do Campiño de Santa María que se realizan periodicamente ao longo do ano
Imaxe da limpeza dos espazos arqueolóxicos. DP
photo_camera Imaxe da limpeza dos espazos arqueolóxicos. DP

A pasada semana remataron os traballos de limpeza dos dous espazos arqueolóxicos da cidade de Pontevedra, os conxuntos da praza de Valentín García Escudero e do Campiño de Santa María. Os traballos afectan tan só ás propias estruturas arqueolóxicas e á contorna máis inmediata, e consisten na retirada de vexetación e na limpeza manual.

No caso da praza de Valentín García Escudero procedeuse á limpeza do xacemento que inclúe os vestixios da Ponte do Burgo mediaval, un tramo de muralla do século XVI e o malecón portuario do XV, así como á retirada de lixo acumulada neste espazo. No caso do Campiño de Santa María, os labores de limpeza atinxiron aos restos medievais do paño da muralla e da casa torre dos Montenegro.

Estes traballos foron realizados, na súa maior parte, exclusivamente de xeito manual e baixo a supervisión e indicacións do técnico municipal de patrimonio cultural, co obxectivo de non provocar ningún tipo de alteración nos distintos muros de ambos conxuntos. 

O mantemento periódico está enfocado a manter ambos espazos en boas condicións tanto de conservación como de visibilidade.

Comentarios