O Concello de Pontevedra adxudica a reforma da ponte do Burgo por 2 millóns

"O proxecto permitirá recuperar o nacemento da cidade e dignificalo tal e como merece", explicou Da Silva

Ponte do Burgo. DP
photo_camera Ponche do Burgo. DP

A concelleira Carme da Silva anunciou este mércores a adxudicación definitiva da reforma da Ponte de O Burgo. "O proxecto permitirá recuperar o nacemento da cidade e dignificalo tal e como merece", resaltou ao termo da celebración dunha Xunta de Goberno Local extraordinaria. 

A reforma foi adxudicada á UTE Imesapi-E.C. Casas por un total de de 1,3 millóns de euros; mentres que a empresa Setga farase cargo da iluminación por valor de 731.000 euros. En total, a actuación para a rehabilitación da ponte ascenderá a máis de 2 millóns de euros.

En total, o Concello de Pontevedra ten en marcha actuacións no ámbito urbano por valor de máis de 5 millóns de euros da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado + Modelo Pontevedra, financiada polo Programa Operativo Plurirregional de España, adscrito aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2014-2020 da Unión Europea. 

O investimento global na capital provincial supera os 10 millóns de euros procedentes dos fondos Feder, segundo comentou Da Silva.
 

OUTRAS ACTUACIÓNS. A concelleira tamén destacou a importancia da obra de reforma do Pavillón Multiusos, xa que supuxo un traballo "inxente" por parte do servizo de Deportes e dos clubs ao ter que recolocar a todas as escolas deportivas que se desenvolvían nesta instalación municipal. 

En canto ao proxecto do Gorgullón, Da Silva sinalou que a obra está a ser executada a moi "bo ritmo" pola empresa adxudicataria desde primeiros de outubro. A actuación conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros e un prazo de execución de 8 meses. 

Ademais, referiuse á reforma do primeiro piso do Mercado de Abastos, que está a ser executada pola empresa pontevedresa Acevi por un montante de case 220.000 euros. O prazo de execución será de dous meses polo que se espera que estea dispoñible despois de Nadal. 

Tamén destacou os pasos adiante na construción do novo pavillón Multiusos da Xunqueira, obra que supón un desembolso de case 2 millóns de euros. A concelleira comentou que a obra é "moi complexa" pero que "avanza a moi bo ritmo". 

Outra das actuacións financiadas con fondos europeos por parte do consistorio pontevedrés foi a yincana pola Illa das Esculturas, feita e aprobada en decembro 2017 cun custo de 17.500 euros. 

A xunta de goberno extraordinaria deste mércores deu luz verde ao contrato para unha asistencia técnica á empresa EOSA, que se encargará da xestión e promoción dos fondos Feder. Foi adxudicada por 39.500 euros ao ano e por un período de 2 anos. 

Para rematar, Carme Da Silva engadiu que o goberno pontevedrés ten en carteira a reforma de Santa Clara: Redeira, o Parque forestal A Tomba e o chamado Núcleo de Centralidade parroquial de Tomeza. 

Comentarios