miércoles. 20.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.01.2021
El tiempo

Pontevedra aproba as bases da convocatoria de axudas para micropemes e autónomos

Anabel Gulías. JAVIER CERVERA
Anabel Gulías. JAVIER CERVERA
Cada beneficiado opta a ata 5.000 euros para paliar as perdas na primeira onda do coronavirus

A Xunta de Goberno extraordinaria do Concello de Pontevedra celebrada este venres aprobou as bases da convocatoria de axudas que o goberno local deseñou para que pola covid e persoas autónomas poidan paliar a primeira onda da crise da covid-19.

Sobre o contido das bases da iniciativa denominada Supera20 informou en rolda de prensa a concelleira de Réxime Interior e portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que asegurou que o "obxectivo básico destas axudas é o de preservar a economía local, maioritariamente a de proximidade". "Deseñáronse unhas axudas que non son un recurso meramente asistencial senón que pretendemos que teñan un efecto multiplicador sobre a economía da cidade", matizou.

Tamén explicou que a creación desta ferramenta "supuxo un esforzo moi grande neste Concello tanto no campo económico como no administrativo".

O importe destinado a esta liña de subvencións ascende a 1.250.000 euros, e cada beneficiario pode conseguir ata 5.000 euros esperando que "neste ano teñan o importe nas súas mans".

A maior parte dos conceptos subvencionables están pensados para que sexan asumidos por provedores locais ou da zona, co obxecto de propiciar que os beneficiarios das axudas invistan en negocios da contorna.

Poderán solicitar estas axudas as persoas traballadoras autónomas, e as entidades da economía social e microempresas que empreguen a menos de 10 persoas e que acrediten que non tiveron actividade durante o estado de alarma, que a porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custo da actuación ou proxecto (cunha contía máxima de 5.000 euros por solicitude), e que se contempla un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida.

PRAZO E CATEGORÍAS 

O prazo será de 15 días, a partir do día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia por parte da Base Nacional de Subvencións, e a presentación de solicitudes deberá facerse única e exclusivamente a través da Sede electrónica. O Concello tamén habilitará un teléfono para aquelas persoas que teñan algunha dificultade cos trámites electrónicos.

As bases contemplan cinco categorías de actuacións, que non son excluíntes. Por unha banda están as actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais; outra categoría constitúena as actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional. 

Unha terceira categoría inclúe actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo. 

Ademais subvencionaranse actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética e finalmente outras actuacións necesarias para a mellora da actividade, como a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates.

Cada unha destas categorías contará cunha puntuación que será ponderada cunha categoría de "esforzo máximo da solicitante" que se corresponde coa porcentaxe de financiamento propio e que se baremará segundo unha fórmula detallada nas bases. 

Anabel Guías indicou que por parte do goberno local non se descarta a posibilidade de realizar unha segunda convocatoria destas axudas, atendendo a número de solicitudes e á evolución da crise sanitaria. 

Pontevedra aproba as bases da convocatoria de axudas para...
comentarios