O Concello de Pontevedra negocia a compra do convento de Santa Clara

O Goberno local quere facerse cos 12.925 metros cadrados que suman o convento, a igrexa e a parcela para darlles un uso público
Convento de Santa Clara
photo_camera Convento de Santa Clara. ARQUIVO

O Concello de Pontevedra iniciou negociacións coa orde das Clarisas coa intención de comprar o convento de Santa Clara. Así o anunciou este xoves o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, quen precisou que é a fundación de carácter eclesiástico Las Edades del Hombre —responsable de xestionar o patrimonio da Igrexa de Castela— a que está a actuar de interlocutora entre a Administración municipal e a orde relixiosa.

"Actualmente somos os únicos que estamos a negociar con elas. Non hai ninguén máis en conversas", afirmou o edil.

A intención do Goberno local pontevedrés é facerse cos 12.925 metros cadrados que suma todo o conxunto de Santa Clara, incluíndo tanto o convento e a igrexa (4.419 metros cadrados edificados) como os 8.506 metros de parcela, a fin darlles un uso público.

No entanto, de momento é moi pronto para falar de cifras nin de usos. Segundo aclarou Moreda, proximamente técnicos municipais acudirán a visitar as instalacións para facerse unha idea máis clara do seu estado e poder considerar un valor inicial de compra-venda a partir do cal seguir negociando.

"De momento, as monxas ven con moi bos ollos que o convento pase a mans do Concello, que pase a ser para uso do pobo e non de ningún especulador", indicou o concelleiro nacionalista. "Trátase de máis dunha hectárea de terreo en pleno centro da cidade, nunha localización óptima, o que suporía contar cunha zona pública moi importante para os pontevedreses".

Con respecto a posibles usos, o Goberno municipal aínda non os ten claros. "O edificio da igrexa pode ser desacralizado e incluso se poderían trasladar os restos das monxas que están enterradas no recinto", sinalou o edil, que tamén precisou que se trata dun Ben de Interese Cultural (BIC) e está suxeito á protección de Patrimonio.

O convento de Santa Clara pechou no ano 2017, tras a marcha das últimas monxas que quedaban nel. O que levou ao Concello da capital a iniciar agora as negociacións para a súa compra foi comprobar o interese que suscitan estas instalacións entre a cidadanía (as 75 prazas dunhas visitas guiadas organizadas recentemente esgotáronse nun minuto) e, sobre todo, atopar un interlocutor para establecer conversas. "O interlocutor localizámolo precisamente con esas visitas", aclarou Moreda.

Comentarios