O Concello publica as bases para participar na iniciativa Capital Gastro Lab

O prazo para enviar proxectos, que deben ser presentados exclusivamente a través deste formulario, está aberto ata o 28 de febreiro
Eva Ballarín e Yoya Blanco no CIFP Carlos Oroza. DP
photo_camera Eva Ballarín e Yoya Blanco no CIFP Carlos Oroza. DP

Nun contexto no que Pontevedra vén de confirmar a súa candidatura oficial a Capital Española da Gastronomía 2023, a Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, deu este mércores un novo paso en firme na configuración da marca Pontevedra Capital Gastro coa publicación das bases e os criterios que rexerán o proceso de selección das propostas da súa incubadora e aceleradora de proxectos gastronómicos: o Capital Gastro Lab. Deste xeito, todos aqueles profesionais e emprendedores que queiran presentar as súas iniciativas a este programa terán ata o día 28 de febreiro para facelo, podendo consultar as bases na páxina web do Concello de Pontevedra.

O Capital Gastro Lab supón a vertente máis profesional da marca gastronómica de Pontevedra, tanto polo seu público obxectivo como pola súa execución, e desenvolverase ao longo deste ano en catro fases diferenciadas máis unha final. Tal e como lembra Yoya Blanco, "esta incubadora de proxectos permitirá establecer criterios profesionais á hora de emprender ou innovar en empresas xa existentes, achegando aos empresarios dos sectores da restauración e a alimentación as claves para levar a cabo iniciativas exitosas, que dinamicen a economía da cidade e xeren postos de traballo".

"Queremos respaldar aquelas propostas baseadas nos criterios da innovación, a sostibilidade, a dixitalización, a igualdade, a responsabilidade social no sector, a viabilidade e a relevancia para a cidade. Entre os requisitos de participación inclúense o de presentar proxectos deseñados en ou desde o municipio de Pontevedra e o de que as empresas prestadoras dos servizos que sexan aboadas cos 18.000 euros previstos polo Concello como premio estean ubicadas na cidade", subliña a edil do PSOE.

O Capital Gastro Lab conta coa colaboración da súa madriña de honra, a divulgadora e investigadora do Basque Culinary Center Eva Ballarín, e de diferentes entidades públicas e privadas para crear dous grupos de expertos. O primeiro deses grupos será o encargado do estudo e a selección dos 6 mellores proxectos, así como o que compoña o xurado que outorgará o premio final. O segundo será un grupo de expertos específico, que se encargará da mentorización individual e o acompañamento para a presentación pública do plan de negocio.

Os proxectos deberán ser presentados exclusivamente a través do formulario que se atopa na web do Concello de Pontevedra, en pdf, cun máximo de 5 páxinas en letra Arial e de tamaño 11 e facendo constar os seguintes epígrafes: presentación e breve descrición; idea xeral; obxectivos; estrutura ou reestruturación de negocio e cronograma. Cubrindo esta solicitude aceptaranse as bases e as súas obrigas como participante.

Yoya Blanco explica que "a puntuación dos proxectos levarase a cabo atendendo aos criterios de impacto na cidade (emprego, economía local...), responsabilidade social, viabilidade, sostibilidade, innovación, dixitalización, redacción técnica da proposta e implicación da empresa/persoa física". 

CAPITAL-GASTRO-LAB-Infografía-scaled

Os 6 finalistas serán comunicados o 31 de marzo

Nunha segunda fase, que se desenvolverá entre os días 1 e 31 de marzo, a organización estudará e puntuará os proxectos presentados, podendo requirir documentación complementaria. O día 10 de marzo anunciaranse os proxectos preseleccionados, que serán defendidos ante o comité de expertos os días 24 e 25 de marzo. O día 31 de marzo comunicaranse os 6 finalistas. Nesta fase, Eva Ballarín impartirá unha sesión individual de mentoría de 30 minutos para os seis finalistas, co obxectivo de encauzar a visión estratéxica dos seus proxectos.

Deste xeito, entrarían nunha terceira fase, entre o 1 de abril e o 30 de xuño, cunha formación común en materias como dixitalización de negocios, asesoramento fiscal e laboral, educación financeira, igualdade e responsabilidade social, recursos humáns e xestión de equipos, márketing, branding e comunicación, deseño de interiores estratéxico e liderazgo. Asemade, celebrarase un foro/congreso entre os días 10, 11 e 12 de maio, no que Ballarín participará como relatora presencial. Neste período de formación común, a investigadora do Basque Culinary Center tamén impartirá unha masterclass de 60 minutos, achegando a súa experiencia nas materias de dixitalización de negocios, asesoramento fiscal e laboral, educación financieira, igualdade e responsabilidade social, recursos humáns e xestión de equipos, márketing, branding e comunicación, deseño de interiores estratéxico e liderazgo. 

Na cuarta fase do Gastro Lab, que se desenvolverá entre o 1 de xullo e o 13 de outubro, abrirase un período de formación específica e mentorización individual, no que cada proxecto contará coa asistencia dun padriño ou madriña, persoas do mundo empresarial de éxito e con moito coñecemento do sector no que se desenvolva o proxecto. O obxectivo é que preparen de xeito óptimo as súas presentacións para a gran final, que terá lugar o 14 de outubro, cunha presentación pública de cada proxecto guiada polos padriños e madriñas e na que un xurado composto polo grupo de expertos dará a coñecer o nome do gañador. Tamén aquí, Eva Ballarín protagonizará unha mentoría individual de 60 minutos para os seis finalistas para preparar as estratexias do pitch para a presentación final e que conducirá esta final pública.

Comentarios