O Concello de Pontevedra terá a súa plataforma de teletraballo e atención telemática

A Xunta de Goberno aprobou a incorporación de dúas persoas para implementar os sistemas
2020060909120919537
photo_camera Infografía do resultado que se espera despois das reformas de Michelena 30, sede do Concello. DP

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a memoria elaborada polo servizo municipal de Informática na que se detallan os obxectivos de traballo a longo prazo e que motivan a incorporación de dúas persoas ao equipo por un período de tres anos. Entre os obxectivos descritos destaca a creación dunha plataforma propia de teletraballo, un sistema de información xeográfica e a implentación de asistencia por videoconferencia e de cita previa informatizada.

Este reforzo de medios persoais enmárcase, tal e como explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías "na liña traballo encamiñada a modernizar a Administración local". Gulías indicou que esta liña de acción, iniciada xa a comezos deste mandato, se veu reforzada tras a crise sanitaria, posto que "cambiou a forma de relacionarnos, entre os traballadores e traballadoras do Concello e tamén na atención ao cidadán, e fixo necesario marcar unha reorganización do servizo".

A portavoz adiantou que o proxecto se basea en tres aspectos. O primeiro, a mellora da seguridade de ferramentas telemáticas, implantadas con software libre durante o estado de alarma. Así, tras o esforzo realizado durante a alerta sanitaria para desenvolver un sistema de traballo a distancia, continuarase profundizando neste proceso para garantir tanto a seguridade como a avaliación e o rendemento.

O segundo, a necesidade de contar cun proxecto piloto teletraballo evidenciouse durante o estado de alarma, polo que se desenvolverá un proxecto propio que implique unha mellora das condicións de seguridade: acceso por VPN con dobre factor de autenticación, mellorar o encriptado das comunicacións e emprego de equipos xestionados polo Concello e que non dependan de equipos persoais dos traballadores municipais. A isto, sumaríaselle a implementación de sistemas de asistencia ao administrado por videoconferencia, e o sistema de cita previa informatizado.

O terceiro aspecto será a creación dun sistema de información xeográfica propio. Trátase de acadar un conxunto de aplicacións que melloren a xestión de datos referenciados para que poidan ser visualizados en mapas e en planos. Este sistema crearase a partir do traballo dos servizos de Padrón, Topografía e Informática.

Limpeza | Tres millóns para diversas instalacións 
A Xunta do Goberno do Concello de Pontevedra tamén aprobou este luns o inicio do contrato do servizo limpeza para dependencias municipais e instalacións deportivas. 

Este inicio de licitación realízase toda vez que a anterior fora impugnada pola Asociación Profesional de Empresas de Limpeza por non fixar o límite máximo de horas extras nos pregos que se fixeran públicos no seu momento. 

Os novos pregos, que subsanan o erro anterior, volven fixar dous lotes: o primeiro inclúe os mercados municipais, os cemiterios, a totalidade de casas de cultura e centros sociais e as dependencias municipais, tales como Michelena 30 ou a nova de Os Ferreiros. O segundo dos lotes inclúe todos os pavillóns deportivos muncipais, tanto urbanos coma parroquiais.

O contrato ten unha duración total de catro anos e un orzamento de 2.821.067,82 euros.

Comentarios