O Concello valora acudir á vía xudicial para frear o novo emisario submarino

▶ Da Silva cre que a Xunta "pasou por riba das súas propias normas de ordenación do territorio" para construír a nova tubaxe da depuradora

▶  Os mariscadores ven o proxecto con receo

photo_camera Xornada de marisqueo celebrada o martes na praia de Lourido, no municipio de Poio. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello valora acudir á vía xudicial para frear a construción do novo emisario submarino. A portavoz do grupo municipal do BNG no Goberno local, Carme da Silva, asegurou o martes que os técnicos municipais estudan se o proxecto que dará continuidade á mellora da depuradora dos Praceres vulnerou algunha directriz urbanística. A concelleira nacionalista sostén que, con esta obra, a Xunta "pasou por riba das súas propias normas de ordenación do territorio".

Da Silva recoñece, con todo, que tombar esta infraestrutura hidráulica "é un tema difícil". E o motivo é que se trata dunha obra con carácter de interese xeral, pois dela depende en parte o saneamento da ría.

A portavoz do Bloque non entende por que a Consellería de Infraestruturas quere construír unha nova tubaxe e deixar en servizo a actual, que será utilizada en exclusiva por Ence. "Se ese emisario non pode dar servizo á EDAR tampouco podería dar servizo a Ence", sinalou. "Nós seguiremos defendendo os interéses do Concello con todos os mecanismos posibles", engadiu.

O Goberno galego fixo caso omiso ás advertencias de Pontevedra. O pasado luns sacou a contratación as obras para o emisario submarino, que terá unha lonxitude maior á prevista inicialmente. A instalación terá máis de tres quilómetros, concretamente 3.614 metros, que se dividirán en catro tramos.

Da Silva non entende por que a Consellería de Infraestruturas quere construír unha nova tubaxe e deixar en servizo a actual

A través desta infraestrutura verteranse á ría as augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e parte de Vilaboa. A tubaxe afastarase dos bancos marisqueos, como pedía o sector. Aínda así, os traballadores do mar ven o proxecto con receo.

A construción do emisario submarino conta cun orzamento inicial de 12.049.883,65 euros (IVE incluído). A cámara de carga e a estación de bombeo a esta rede cambiarán de localización para reducir o seu impacto paisaxístico, deixando libre a fachada litoral da depuradora.

A plataforma veciñal contra a ampliación da EDAR dos Praceres rexeita esta actuación e prevé novas mobilizacións para paralizar esta canalización.

Comentarios