Un cónclave de alcaldes avaliará a situación xerada polo coronavirus

A Deputación celebrou este venres unha sesión plenaria na que aprobou o pago fraccionado dos tributos para familias e empresas
2020042519240140573
photo_camera Imaxe do primeiro Pleno telemático da historia da Deputación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, comunicou este venres nte á corporación provincial, no primeiro pleno telemático da súa historia, que convocará aos alcaldes e alcaldesas da provincia a fin de "avaliar cos concellos a situación que están a vivir e as consecuencias da crise sanitaria xerada pola Covid-19". Silva confirmou que o vindeiro mércores, día 29, manterá unha primeira reunión cos rexidores municipais dos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes, e que convocará un segundo encontro en próximos días co resto dos municipios.

A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio en homenaxe ás vítimas do coronavirus, despois da intervención da presidenta provincial que mostrou o pesar da corporación polas persoas falecidas e trasladou "enerxía e o desexo de mellora" ás que están enfermas. A presidenta tamén anunciou que remitirá este sábado a todas as deputadas e deputados o documento de traballo que recolle as máis de 180 medidas adoptadas pola institución nestes 40 días, destinadas aos concellos, ás empresas, á cidadanía e aos sectores produtivos, sociais, culturais e deportivos da provincia.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera compartiu na súa intervención plenaria o seu recoñecemento ao bo comportamento que está a ter a sociedade e tamén as administracións e os seus traballadores e traballadoras no que cualificou como "unha catástrofe sanitaria, social e económica". Destacou que é fundamental seguir o principio de solidaridade e subliñou que, ante a ausencia de material, é preciso repartir os medios dos que se dispón segundo as prioridades, ademais de non crear expectativas de que os que non teñen competencias vaian resolver ningunha situación, xa que iso, dixo, pode levar ao "caos".

En canto á Deputación, Mosquera agradeceu a actuación do grupo do PP por "arrimar o ombro" nas actuacións do Goberno provincial e transmitiu a súa confianza en que non se rompa a unidade de acción. Destacou que o traballo e a toma de decisións da institución provincial dependerán da evolución da crise sanitaria, xa que a día de hoxe aínda se descoñece se a Deputación vai ter máis ou menos fondos para este exercicio. "Non sabemos se nos van restar fondos dos anticipos do Estado ou haberá fondos extraordinarios", recalcou.

Pola súa banda, o voceiro do grupo provincial do PP, Jorge Cubela, sumouse aos principios e conviccións da presidenta relativos á crise e brindou "unidade e respecto", destacando a importancia da unidade institucional e da cidadanía para conter a pandemia do coronavirus, e apostou por "exercer un principio de confianza" na Deputación

A Corporación aprobou todos os puntos da orde do día por unanimidade, entre eles a nova medida que a Deputación destina a familias e empresas, o pago fraccionado dos tributos "case á carta", un novo servizo ao través do ORAL para facilitar o fraccionamento personalizado, sen xuros, do pago das cotas do IBI, o IAE e o IVTM, unha vez se domicilien os abonos. A medida beneficiará ás veciñas, veciños e empresas daqueles concellos que teñan delegadas na Deputación as competencias do pago e recadación tributaria. Amais, a institución prestará o seu asesoramento aos concellos, na tramitación dos expedientes necesarios para a modificación das súas ordenanzas fiscais en relación coas medidas que decidan adoptar.

Esta actuación de flexibilización sen xuros do pago enmárcase na batería de medidas, postas en marcha pola Deputación, como os anticipos aos concellos do Fondo Extraordinario de Liquidez, dotado con 21 millóns de euros. Cara á veciñanza reforzáronse os servizos de atención telefónica e telemática da oficina virtual, prorrogouse o calendario fiscal e o período de pagamento voluntario.

Comentarios