O concurso ao mellor escaparate de Pontevedra decidirase entre 96 comercios

Poderase votar a través da web ou do Facebook do Concello ata o día 28. O certame prevé premios para os negocios e para os participantes
undefined
photo_camera Presentación do concurso de escaparates. ARQUIVO

O Concurso de Escaparates de Nadal promovido polo Concello decidirase entre 96 comercios. Así o recordou este martes a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, a través dun comunicado de prensa, no que animou a cidadanía a votar polo mellor exhibidor.

Os interesados dispoñen ata o vindeiro luns, día 28, para apoiar os seus favoritos. Poderán facelo a través da páxina web do Facebook do Concello. "O único que hai que facer é darlle o noso respaldo ó escaparate que máis nos guste e premer non botón de votar", explicou a edil do PSOE.

O negocio máis votado levará como premio en metálico de 1.500 euros; o que quede en segunda posición mil euros e o que ocupe a terceira posición levará 500 euros. Ademais destes galardóns, os comercios recibirán vinilos coa mensaxe de Establecemento gañador que poderán lucir nas súas vidreiras.

O certame tamén premiará os participantes co sorteo de 20 cheques regalo, de 25 euros cada un, que deberán utilizarse nos comercios inscritos.

Blanco recordou que o obxectivo desta iniciativa, que forma parte do programa Pontelovers, é axudar os comercios "nestes momentos tan difíciles". "Temos que sacar o lado máis belo dos nosos negocios e atraer a cidadanía ó comercio local empregando este reclamo que son os escaparates", dixo a concelleira de Promoción Económica sobre esta campaña, que leva por lema É o momento de amosar a túa mellor cara.

Segundo os datos facilitados este martes, o número de votos contabilizados ata agora sitúase en 7.500.