O concurso do parking de Véteris queda deserto por segunda vez

A única oferta presentada, a da empresa que xestiona a instalación, tiña "defectos de forma" ► A licitación abrirase por terceira vez
Entrada al párking de Véteris. RAFA FARIÑA
photo_camera Entrada ao aparcadoiro de Véteris. RAFA FARIÑA

O concurso do parking subterráneo da rúa Antón Fraguas quedou deserto por segunda vez consecutiva. A Xunta de Goberno local aprobou este luns a resolución da mesa de contratación, que non deu por válida a única oferta que se presentou: a de Véteris, a empresa que actualmente explota este aparcadoiro.

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Villaverde, que exerceu de portavoz municipal, asegurou que o ditame técnico debeuse a que a proposta presentaba "defectos de forma". Por este motivo, o Concello abrirá un novo procedemento de licitación: o terceiro.

No anterior prego, aprobado en novembro de 2019, flexibilizáronse os requisitos para que o concurso non queda deserto, como ocorrera en 2017.

Un dos cambios introducidos entón tiña que ver coa separación física entre as prazas do estacionamento municipal e as destinadas ao uso residencial. O obxectivo era apostar por un sistema informático que permitise xestionar os dous tipos de aparcadoiros sen necesidade de levantar unha parede e, xa que logo, de que o parking tivese menos espazo para os coches.

Outra das novidades do contrato afectaba os baños. Non sería necesario a construción de novos aseos, xa que o Concello permitirá que se utilicen os xa existente a través dunha cesión.

A terceira modificación afectou ao canon que a empresa concesionaria tería que pagar ás arcas locais durante os 66 anos do contrato. O importe reduciuse en 45.000 euros, polo que a cota anual pasou a ser de 24.000 euros (IVE non incluído).

A instalación de Antón Fraguas abriuse en outubro de 2010 con 425 prazas. Dúas sentenzas xudiciais puxeron en cuestión a súa legalidade, obrigando ao Concello a regularizar a situación urbanística do parking e a convocar un novo concurso público para adxudicar un servizo que no seu día se deu a dedo á Véteris, que segue sendo a empresa que xestiona o aparcadoiro.

Comentarios